O IV Ciclo Universitario comeza o novo curso académico no campus de Lugo con 80 persoas matriculadas
O IV Ciclo Universitario da USC bota a andar este martes no campus de Lugo cunha xornada de recepción e benvida ás persoas inscritas neste programa de formación de maiores de 50 anos, unha ampla oferta de formativa na que xa formalizaron a inscrición 80 persoas, segundo se puxo de manifesto no marco do acto de benvida desenvolvido no salón de actos da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo.
O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, a directora do IV Ciclo Universitario da USC, Esther Olveira, e coordinador deste programa no campus de Lugo, Emilio Carral, foron os encargados de dar a benvida aos estudantes sénior no marco dunha sesión na que se fixo especial fincapé na demanda sustentable que está experimentar este programa universitario no campus e na cidade de Lugo, como o proba a incorporación de 16 novos estudantes para o curso 2015-2016, cuxo prazo de matrícula remata este mércores. As clases empezarán a desenvolverse a partir do 1 de outubro. A explicación da filosofía que rexe o funcionamento do IV Ciclo, un programa que promove a incorporación de alumnos maiores de 50 anos aos estudos universitarios, favorecendo a súa integración e participación en procesos formativos que respondan ás necesidades e expectativas deste colectivo social, así como da metodoloxía e das dinámicas de traballo que marcan o seu desenvolvemento, foron algunhas das cuestións abordadas neste acto polos relatores. Esta xornada de benvida ao estudantado inscrito nas distintas materias programadas ao abeiro do IV Ciclo Universitario da USC para o curso 2015-2016, serviu tamén para render unha cálida homenaxe a María Vázquez Pérez, á quen se lle impuxo unha banda pola súa fidelidade ao IV Ciclo Universitario da USC no campus de Lugo, un programa de formación sénior ao que está vinculada desde hai 18 anos. O acto de apertura do curso de IV Ciclo da USC en Lugo serviu tamén para formalizar a entrega a Isabel Teijeiro Sande dun diploma acreditativo como gañadora do concurso de fotografía de Nadal, na categoría de Nadal Comercial. Olveira, Bueno e Carral, na inauguración do curso