Ir o contido principal

IV Concurso de Nadal e obradoiros no Museo de Historia Natural da USC

IV Concurso de Nadal e obradoiros no Museo de Historia Natural da USC
IV Concurso de Nadal e obradoiros no Museo de Historia Natural da USC

A Asociación de Amigos do Museo de Historia Natural da USC organiza este Nadal por cuarto ano consecutivo o seu concurso de relatos curtos ilustrados, nesta ocasión sobre o tema As especies invasoras.

Nesta ocasión haberá dúas modalidades: a participación individual, diferenciada por idades en catro categorías (de 5 a 8 anos, de 9 a 13, de 14 a 17 e de 18 ou máis anos); e a colectiva, dirixida a grupos –que deberán ter un representante maior de idade- con catro subcategorías en función da franxa de idade da maioría dos seus membros.

Os traballos poderán presentarse ata o 21 de xaneiro, tanto na recepción do Museo de Historia Natural da USC (Parque Vista Alegre, Santiago) como por correo electrónico no enderezo amhnusc [at] gmail.com (amhnusc[at]gmail[dot]com), facendo constar en asunto ‘IV Concurso de Nadal AAMHN’.

As persoas gañadoras, unha por categoría, levarán como premio unha tablet na categoría individual e unha visita guiada gratuíta ao Museo de Historia Natural da USC na categoría colectiva. Como apoio para o concurso recoméndase a visita á exposición temporal, de entrada libre, ‘ Vespa velutina: unha invasión imparable’.

Obradoiros de Nadal Para complementar este concurso, o Museo organiza os seus tradicionais obradoiros de Nadal, para que os máis pequenos poidan aprender o que son as especies invasoras e realizar un caderno de campo que poidan presentar ao certame. Ademais, os participantes farán tamén manualidades e outros xogos e actividades relacionadas coa temática.

Estas actividades son para nenos e nenas de 6 a 12 anos en grupos de mínimo 20 persoas (máximo 30) e terán lugar o 26, 27 e 28 de decembro e o 2, 3 e 4 de xaneiro, podendo apuntarse tres días por 25€ ou días soltos por 10€ cada un.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.12.2018.