O IV Congreso Nacional da Sociedad Española de Cirugía Bucal rematou coa entrega de premios
Máis de mil profesionais reuníronse a pasada semana en Santiago para asistir ao IV Congreso Nacional da Sociedad Española de Cirugía Bucal. Entre o elenco de conferenciantes destacaron Crispian Scully, científico do Instituto Eastman especialista en SIDA oral, e Stephen Wallace e Hom Ly Wang, pioneiros na utilización de biomateriais substitutivos do óso e no deseño de novos implantes de titanio.
O encontro clausurouse este sábado cun acto presidido polo reitor Senén Barro e no que participaron tamén o director xeral de Aseguramento e Planificación Sanitaria, Germán González; a vicedecana da Facultade de Medicina e Odontoloxía, María Jesús Mora; o presidente do Consello Galego de Odontoloxía, Juan Sánchez; e o xerente nacional Visita Médica de Johnson & Johnson, Santiago Camacho. Logo dunhas breves palabras, procedeuse á entrega dos premios que a Sociedade Española de Hixiene Bucal concedeu á mellor comunicación científica, mellor comunicación clínica, mellor póster e mellor traballo de investigación nunha revista de impacto.
Tamén a Asociación Arxentina de Cirurxía e o congreso de Santiago premiaron polos seus traballos a José Luis Gutiérrez Pérez, Paulo Malo, Cosme Gay Escoda e Manuel Donado Rodríguez.
A quenda de recoñecementos rematou coa entrega oficial dos premios Compostela de Odontoloxía 2008 que recaeron en Crispian Scully (Investigador ou clínico estranxeiro de recoñecido prestixio), Manuel Alfonso Villa Vigil e José Vicente Bagán Sebastián (Investigador ou clínico nacional de recoñecido prestixio) e Inmaculada Tomás Carmona (Novo investigador nacional).
Pechouse esta cuarta edición do congreso cunha sentida homenaxe póstuma ao profesor José María Sada García Lomas.