Ir o contido principal

As IV xornadas de Arqueometría en Galicia abordarán o asentamento e a ocupación humana

Tras a boa acollida das tres primeiras edicións das Xornadas de Arqueometría en Galicia, esta semana volve unha nova á Facultade de Xeografía e Historia destinada a ampliar as liñas de investigación iniciadas.

Fronte ao enfoque monográfico sobre cerámica da primeira, a variedade de enfoques da segunda e a preocupación da última pola reconstrución dos períodos medieval e posmedieval, nesta cuarta ocasión abordarase o asentamento e a ocupación humana, tentando explicar os problemas do rexistro e documentación da información.

As IV Xornadas de Arqueometría en Galicia organízanse no marco do grupo de investigación Síncrisis, a Rede Consiliencia e o proxecto Tecnoloxía e produción da cerámica medieval de Galicia, coa colaboración de GalicianArchaeoPot.

O encontro, gratuíto previa inscrición, desenvolverase no Paraninfo da Universidade en dúas datas: o 29 de setembro e o 6 de outubro. Na primeira delas trataranse cuestións como os problemas de documentación e interpretación dos asentamentos prehistóricos, a cronoloxía dos castros, a arqueoloxía espacial do poboamento rural romano ou os asentamentos militares.

Xa o 6 de outubro falarase das técnicas de investigación de fortificacións medievais e modernas; de antracoloxía, carpoloxía e tafonomía para aproximarse á vida cotiá das comunidades humanas e de arqueoloxía ambiental.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.09.2017.