Ir o contido principal

James Lovelock recolle o martes en Santiago o Premio Fonseca 2009

James Lovelock (Hertfordshire, 1919), pioneiro no desenvolvemento da conciencia medioambiental no mundo, visita este martes a USC para recoller o Premio Fonseca de comunicación da ciencia 2009 que convocan a Universidade compostelá e o Consorcio de Santiago e que na súa primeira edición recaeu en Stephen Hawking.
O pensador, intelectual e ambientalista británico comezará a xornada deste martes, 6 de outubro, cun encontro cos medios de comunicación ás 10:45 horas na sala de prensa do Colexio de Fonseca. Deseguido será recibido no Concello polo alcalde, Xosé Sánchez Bugallo.
Xa pola tarde reunirase co reitor en San Xerome ás 19:00 horas para, deseguido, acudir ás 20:00 horas ao Auditorio de Galicia e participar na cerimonia oficial de entrega do galardón na que, en presenza de destacadas personalidades, o propio Lovelock pronunciará a conferencia ‘Cambio climático nun planeta vivente’. Ao acto, que disporá de tradución simultánea, poderá acudir quen o desexe ata completar o aforo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.10.2009.