Ir o contido principal

Javier Montenegro, premio Novo Investigador 2018 da RSEQ

Javier Montenegro lidera na actualidade dous proxectos de investigación na fronteira do coñecemento. Foto: Andrés Ruiz
Javier Montenegro lidera na actualidade dous proxectos de investigación na fronteira do coñecemento. Foto: Andrés Ruiz

O investigador da USC Javier Montenegro acaba de recibir un dos cinco premios anuais que concede a Real Sociedade Española de Química (RSEQ) para recoñecer a proxección demostrada por químicos novos ao comezo das súas carreiras independentes.

O galardón ‘Novo Investigador Sigma-Aldrich’ 2018 a Montenegro, investigador Ramón y Cajal responsable do proxecto europeo ‘DYNAP’ e líder dun proxecto de investigación transnacional en química biolóxica financiado polo programa global ‘Human Frontier Science Program’ (HFSP), avala a súa traxectoria recente, que nos últimos anos destacou por éxitos científicos notables, como a obtención dunha das competitivas axudas europeas do Consello Europeo de Investigación (ERC - European Research Council).

Montenegro convértese así no quinto investigador do centro en obter este premio, tras Eugenio Vázquez (2008), Fernando López (2009), Moisés Gulías (2015) e Martín Fañanás (2016).

Honra e gratitude
O profesor Montenegro confesábase dobremente honrado por recibir este premio “tendo en conta a enorme calidade da investigación en Química que hai en España e a excelencia doutros centros e investigadores”. “Estou moi contento de que o xurado da RSEQ me tivera seleccionado para este premio, porque provén dos colegas que máis admiro e respecto”, asegura.

Javier Montenegro tivo tamén palabras de agradecemento para o CiQUS, a USC e as axencias de financiamento da investigación, pero “por riba de todo” quere destacar o traballo do seu equipo. “ Estou en débeda cos estudantes do meu grupo de investigación, pois son eles os que co seu esforzo permanente o fixeron posible”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.05.2018.