Javier Bueno tomou posesión como director da Escola Politécnica Superior de Lugo
Javier Bueno tomou posesión como director da Escola Politécnica Superior, nun acto que se desenvolveu este venres 11 na sede da Vicerrectoría de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, presidido polo reitor Juan Casares e ao que asistiron varios membros do Consello de Dirección da USC e un nutrido grupo de profesores e decanos do Campus de Lugo. Estaban presentes, entre outros, o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; a vicerreitora de Economía e Infraestruturas, Sara Cantorna; a vicerreitora de Estudos de Grao e Posgrao, Eva Castro; e os vicerreitores adxuntos do Campus de Lugo, María Isabel González e Pablo Ramil; a xerente da USC, Lourdes Batán, e a secretaria xeral, Lourdes Noya. O Consello Social da USC estivo representado polo lugués Benxamín Casal.
Javier Bueno inicia a segunda lexislatura ao fronte deste centro e faino cun equipo integrado pola subdirectora, Rosa Romero Franco; os subdirectores, Ulises Diéguez Aranda e Tomás Cuesta Garcia (que non puido asistir ao acto, por atoparse fóra da cidade), e a secretaria, Ana Isabel García Arias. No seu discurso, o director tivo palabras de agradecemento para os integrantes do centro e destacou “a grande profesionalidade do persoal de administración e servizos que temos”. Na mesma liña loubou o traballo do persoal das aulas de informática, de asuntos económicos, da conserxería, da finca de prácticas e da secretaría e da unidade de apoio á xestión de centros e departamentos. Bueno Lema fixo balance do seu primeiro mandato, destacando melloras de organización académica e de xestión do centro, melloras nas fincas de prácticas e na seguridade no traballo de PAS e bolseiros, así como o incremento de aulas de informática. Referiuse tamén a elaboración, aprobación e verificación dos cinco planos de estudos dos novos graos e a implantación do primeiro curso no ano académico 2010-11. Tamén fixo referencia á elaboración do Sistema de Garantía Interna de Calidade da Escola e á creación da Comisión de Calidade. A Escola Politécnica Superior conta con 18 anos de vida, aínda que as súas orixes se remontan a 44 anos atrás, cando a Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Agrícola iniciou a súa andaina no campus lugués. Na actualidade é o segundo centro da USC onde se imparten máis titulacións, segundo resaltou o director. Trátase dun total de vinte titulacións, once delas correspondentes ao Espazo Europeo de Educación Superior. De cara aos vindeiros catro anos, Javier Bueno marcou no seu discurso accións prioritarias a desenvolver, entre elas, completar a implantación das titulacións de grao, mellorar as infraestruturas, ampliando os espazos para poder programar as actividades formativas e considerando tamén necesaria a ampliación dos recursos humanos de cara á xestión administrativa do centro. No acto, o reitor da USC amosou o seu agradecemento ao director e aos integrantes do seu equipo de dirección por asumir, “nestes momentos complicados” a tarefa de goberno dun centro que se sitúa entre os máis importantes da Universidade, con recoñecemento expreso por parte dalgúns prestixiosos rankings que sitúan á USC nas materias propias desta escola en terceiro lugar das universidades españolas. Esta posición, cualitativa e cuantitativamente importante, segundo Casares Long, débese ao traballo dos integrantes do centro e ao esforzo dos directivos que teñen que engadir ás tarefas de docencia e investigación o labor de xestión. Tamén se referiu o reitor á situación económica da USC, lembrando que “cómpre facer o mesmo ou máis traballo do que se viña facendo ata agora, con menos recursos”. Por outra banda, amosou o seu agradecemento persoal e o da Universidade ás institucións luguesas e provinciais pola súa meritoria contribución á USC, obrigada a facer unha racionalización das titulacións, fundamentalmente dos másteres, e dos centros de gasto. O reitor, neste senso, destacou a oferta de directores e decanos de centros universitarios para colaborar co Consello de Dirección na toma de decisións en prol desta racionalización. Javier Bueno Javier Bueno Lema é enxeñeiro agrónomo e profesor da USC dende o ano 1991, onde ten impartido materias vinculadas á mecanización agraria e forestal en varias titulacións. No eido da investigación, destaca como membro do grupo de Enerxía e Mecanización Agroforestal do Departamento de Enxeñaría Agroforestal e ten participado en 21 proxectos e publicado numerosos artigos en revistas nacionais e internacionais.
Ligazóns relacionados:
Javier Bueno, con gafas, co reitor da USC e membros do equipo directivo da EPS