Ir o contido principal

Jean Claude Daubert falou en Medicina do futuro da estimulación eléctrica no tratamento da insuficiencia cardíaca avanzada

De esquerda a dereita: Carlos Acuña Castroviejo, catedrático de Medicina da USC; José B. García-Bengoechea, xefe do Servizo de Cirurxía Cardiovascular do CHUS; Jean Claude Daubert; Joaquín Potel,...
De esquerda a dereita: Carlos Acuña Castroviejo, catedrático de Medicina da USC; José B. García-Bengoechea, xefe do Servizo de Cirurxía Cardiovascular do CHUS; Jean Claude Daubert; Joaquín Potel,...
O profesor francés está considerado como un dos máis prestixiosos expertos internacionais en cardioloxía

O profesor Jean Claude Daubert, un dos máis prestixiosos expertos internacionais no eido da cardioloxía, foi convidado polo Centro de Estudos Avanzados da USC, e baixo o patrocinio da Embaixada de Francia en España, para impartir este venres unha conferencia en Medicina sobre o futuro da estimulación eléctrica no tratamento da insuficiencia cardíaca avanzada.
Os estudos multicéntricos dirixidos polo profesor Daubert demostraron que a reversión do asincronismo ventricular mediante estimulación eléctrica do corazón, terapia iniciada hai doce anos e denominada resincronización ventricular, provoca unha melloría non só sintomática senón tamén de supervivencia en pacientes seleccionados. Daubert posúe unha extensa bagaxe investigadora no campo da resincronización ventricular onde participou e dirixiu ensaios clínicos multicéntricos de relevancia mundial. É autor de máis de douscentos artigos científicos de impacto sobre este tema nas revistas de maior prestixio da especialidade, recibindo máis de 750 citacións bibliográficas que o converten nun dos piares da resincronización ventricular.
Baixo o título ‘Direccións futuras no tratamento eléctrico do fallo cardíaco’, a conferencia do director do Departamento de Enfermidades Cardiovasculares da Universidade francesa de Rennes e do Hospital Cardioneumolóxico Pontchaillou desenvolveuse no centro tras unha presentación a cargo do profesor da USC e xefe do Servizo de Cirurxía Cardiovascular do CHUS, José B. García-Bengoechea.
Insuficiencia cardíaca avanzadaA insuficiencia cardíaca avanzada, denominada a pandemia do século XXI, é considerada nos países desenvolvidos un problema socieconómico de primeira magnitude. Nunha elevada porcentaxe destes pacientes ten lugar un fenómeno de asincronismo contráctil do corazón que provoca unha perda da eficiencia contráctil dos ventrículos.
O envellecemento da poboación dos países desenvolvidos xunto coa existencia de terapias farmacolóxicas que non curan a enfermidade pero prolongan a supervivencia, así como a limitación de donantes para o transplante cardíaco esixe a investigación e o desenvolvemento de novas terapias non transplantadoras nas que se inclúe a resincronización. Non obstante, dado que existen aínda moitas incógnitas por resolver no campo da estimulación cardíaca do corazón enfermo, precísase máis que nunca de colaboración multidisciplinar con outros departamentos que axuden a clarificar aspectos básicos das novas formas de estimulación e a súa resposta.
Neste contexto, na USC a Área Cardiovascular, implicada nun dos nodos temáticos do Instituto Carlos III, ten como prioridade a investigación e o desenvolvemento de dispositivos e un novo modo de electro-estimulación cuxa patente pertence á propia USC. Deste xeito, a visita do profesor Daubert constitúe para o equipo compostelán unha excelente oportunidade para establecer contactos e intercambios entre os investigadores de ambas as dúas universidades.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.03.2007.