Jean Claude Daubert, un dos máis prestixiosos expertos internacionais en cardioloxía, ofrece unha conferencia en Medicina
O profesor Jean Claude Daubert, un dos máis prestixiosos expertos internacionais no eido da cardioloxía, foi convidado polo Centro de Estudos Avanzados da USC, e baixo o patrocinio da Embaixada de Francia en España, para impartir este venres, día 23, unha conferencia en Medicina sobre o futuro da estimulación eléctrica no tratamento da insuficiencia cardíaca avanzada.
Baixo o título ‘Direccións futuras no tratamento eléctrico do fallo cardíaco’, a conferencia do director do Departamento de Enfermidades Cardiovasculares da Universidade francesa de Rennes e do Hospital Cardioneumolóxico Pontchaillou desenvolverase, con entrada libre, ás 12:30 horas no Salón de Actos do centro. A súa intervención virá precedida dunha presentación a cargo do profesor da USC e xefe do Servizo de Cirurxía Cardiovascular do CHUS, José B. García-Bengoechea.
O profesor Daubert posúe unha extensa bagaxe investigadora no campo da resincronización ventricular onde participou e dirixiu ensaios clínicos multicéntricos de relevancia mundial. É autor de máis de douscentos artigos científicos de impacto sobre este tema nas revistas de maior prestixio da especialidade, recibindo máis de 750 citacións bibliográficas que o converten nun dos piares da resincronización ventricular.