Jean-Pierre Sauvage, Premio Nobel de Química en 2016, visita a USC convidado polo Programa ConCiencia
O Premio Nobel de Química en 2016, Jean Pierre-Sauvage, estará en Compostela a vindeira semana nunha visita que culminará o xoves 29 cunha conferencia ás 20.00 horas no Auditorio ABANCA na que falará das máquinas moleculares en bioloxía e en química. Precisamente foi ese o traballo polo que conseguiu o premio da Academia xunto con Sir J. Fraser Stoddart e Ben Feringa , unha investigación que abriu o camiño para a revolución nanotecnolóxica.
O acto enmárcase nas actividades do Programa ConCiencia da USC e o Consorcio de Santiago de Compostela, e conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología - Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.
Jean-Pierre Sauvage, profesor e investigador na Universidade de Estrasburgo (Framncia), completou o seu doutoramento na Universidade Louis-Pasteur en Estrasburgo en 1971 baixo a supervisión de Jean-Marie Lehn, describindo as primeiras síntese de criptos, que son moléculas bi e policíclicas sintéticas que se unen a un átomo de metal central. Foi profesor en Estrasburgo de 1981 ata 1984 e director de investigación no CNRS de 1979 a 2009, cando se converteu en director emérito.
Savage é un dos pioneiros da química supramolecular e publicou en 1983 a primeira síntese eficiente das moléculas cíclicas entrelazadas denominadas "catenanos". Estas moléculas foron a base dunha das primeiras máquinas moleculares nas que o movemento dos aneis de catenano foi controlado a través de medios electroquímicos e fotoquímicos. Seguindo enfoques similares, o seu grupo produciu en 2000 unha estrutura de rotaxano que pode estenderse e contraerse como un filamento muscular. A súa outra investigación inclúe a modelización do centro de reacción fotosintético e a redución do CO2 por medios electroquímicos.