Ir o contido principal

Jesús López Romalde, novo decano de Bioloxía

O catedrático da USC Jesús López Romalde centra a súa actividade investigadora na microbioloxía de organismos acuáticos e a viroloxía ambiental. FOTO: Santi Alvite
O catedrático da USC Jesús López Romalde centra a súa actividade investigadora na microbioloxía de organismos acuáticos e a viroloxía ambiental. FOTO: Santi Alvite
O catedrático da USC resultou elixido nas eleccións celebradas na Xunta de Facultade Extraordinaria do pasado 6 de abril
Santiago de Compostela

“Dinamizar a Facultade, desenvolvendo unha xestión transparente, participativa e inclusiva, baseada no diálogo cos diferentes colectivos”. Este será un dos principais retos que o profesor Jesús López Romalde pretende levar a cabo logo de ser elixido novo decano de Bioloxía nas eleccións celebradas na Xunta de Facultade Extraordinaria do pasado 6 de abril. O profesor Romalde recibiu un total de 44 votos a favor. Dos 51 votos emitidos, 7 foron en branco.

“O mantemento da calidade na docencia e a investigación, así como a vontade de fortalecer as relacións coa contorna económica e social, constitúen áreas de especial atención”, sinala López Romalde. “Bioloxía, como toda a Universidade, vén de enfrontar dous anos moi duros de pandemia nos que tivemos que adaptarnos a situacións complicadas de confinamentos, docencia e avaliación virtuais, ou a imposibilidade de intercambios do estudantado, entre outros aspectos. No futuro máis inmediato, debemos encarar o reto de volver á normalidade e recuperar a vida universitaria. Esta será a prioridade do novo equipo decanal”, engade. Otilia Reyes Ferreira da área de Ecoloxía e Francisco Javier Salgado Castro da área de Bioquímica acompañarán a Romalde como vicedecanos. Ademais, Román Vilas Peteiro da área de Xenética actuará como secretario da Facultade.

Traxectoria

O catedrático da USC Jesús López Romalde centra a súa actividade investigadora na microbioloxía de organismos acuáticos e a viroloxía ambiental. Ten realizado estadías no Institut Pasteur de París, na Universidade de Guelph en Canada e no Baylor College of Medicine de Houston. Autor de máis de 230 artigos en revistas JCR, Romalde ten participado en 50 proxectos de I+D estatais e europeos, ademais de figurar como director nunha vintena de teses de doutoramento.

Entre as distincións recibidas, destacan o Premio Internacional de Investigación Científica e Técnica ‘Enxeñeiro Comerma’ (1988), premio ‘Jaime Ferrán’ da Sociedade Española de Microbioloxía (2001), ou a Insignia de Ouro da Universdade de Santiago de Compostela. É tamén editor de diferentes revistas JCR como Environmental Microbiology, Food Microbiology ou Systematic and Applied Microbiology. Dende 2019, é embaixador para España da American Society for Microbiology e forma parte da Xunta Directiva da Sociedade Española de Microbioloxía dende o ano 2009.

Na USC, foi director do Centro de Posgrao (2011) e vicerreitor de Titulacións e Persoal Docente e Investigador (2012-2014). Dende 2017, ocupa o cargo de director do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía do que tamén foi secretario entre 2006 e 2010. Dende 2019, está adscrito ao Centro de Investigación Interdisciplinario en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.04.2022.