Ir o contido principal

Jesús López Romalde, elixido Ferrolán do Ano 2022

Jesús López Romalde, intres antes de recibir a medalla Ánxeles Alvariño González da RAGC. FOTO: Santi Alvite
Jesús López Romalde, intres antes de recibir a medalla Ánxeles Alvariño González da RAGC. FOTO: Santi Alvite
O Concello de Ferrol fai entrega da distinción ao decano de Bioloxía este sábado 7 nun acto no Teatro Jofre da cidade ao que asiste o reitor Antonio López
Santiago de Compostela

O decano da Facultade de Bioloxía e catedrático da USC, Jesús López Romalde, recibe este sábado 7 de xaneiro a distinción que o designa ‘Ferrolán do Ano 2022’, outorgada polo Concello de Ferrol no Pleno do pasado 14 de decembro. Este recoñecemento premia a persoas ou entidades que, ao longo dun ano, “destaquen especialmente en calquera das ramas do saber humano ou que as súas iniciativas, esforzos ou feitos proxecten vinculación con Ferrol, revistan importancia ou signifiquen unha promoción dos intereses sociais, económicos e culturais do municipio e da súa veciñanza”. O acto de entrega desenvólvese no Teatro Jofre a partir das 12.15 horas deste sábado, co gallo da festividade de San Xiao, e conta coa presenza do reitor Antonio López.

A decisión adoptada polo Pleno da institución subliña que o catedrático de Microbioloxía e decano da Facultade de Bioloxía da USC dende 2019, foi designado como experto técnico a nivel estatal para o SARS-CoV-2 polos seus traballos sobre a detección do virus en augas residuais. Autor de máis de 230 artigos en revistas de divulgación científica, participou en 50 proxectos de I+D a nivel estatal e europeo. É embaixador para España da American Society for Microbiology. Ademais, recibiu o Premio Internacional de Investigación Científica e Técnica ‘Enxeñeiro Comerma’ (1988), Premio Jaime Ferrán da Sociedade Española de Microbioloxía (2001) e a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago de Compostela. A Real Academia Galega de Ciencias acaba de entregarlle recentemente a medalla Ánxeles Alvariño González da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde pola súa traxectoria científica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.01.2023.