Ir o contido principal

Jesús Sanmartín Matalobos, novo decano de Química

Jesús Sanmartín Matalobos é profesor titular de Química Inorgánica na USC dende 1997 e, dende 2021, está adscrito ao Instituto de Materiais (iMATUS). FOTO: Santi Alvite
Jesús Sanmartín Matalobos é profesor titular de Química Inorgánica na USC dende 1997 e, dende 2021, está adscrito ao Instituto de Materiais (iMATUS). FOTO: Santi Alvite
O profesor da USC foi elixido por 54 votos a favor nas eleccións celebradas o pasado 19 de abril
Santiago de Compostela

O profesor Jesús Sanmartín Matalobos foi elixido decano da Facultade de Química da USC logo das eleccións celebradas o pasado 19 de abril. Sanmartín Matalobos obtivo 54 votos a favor, 1 voto en branco e 4 votos nulos. O equipo de goberno nesta nova etapa estará integrado polo vicedecano Pedro Rodríguez Dafonte, profesor do Departamento de Química Física; e a secretaria académica Mª Carmen Barciela Alonso, profesora do Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía. Ademais, Mª Mercedes Parajó Montes actuará como coordinadora de calidade; mentres que Pilar Bermejo Barrera encargarase da coordinación do Centenario de estudos de Química da USC.

Jesús Sanmartín Matalobos é profesor titular de Química Inorgánica na USC dende 1997 e, dende 2021, está adscrito ao Instituto de Materiais (iMATUS). A súa investigación céntrase en diferentes aspectos da Química de Coordinación e Supramolecular, estando a maioría deles relacionados con diferentes propiedades dos compostos, e a súa aplicación potencial como biocidas, sondas fluorescentes ou materiais magnéticos. Como resultado da súa investigación, ten publicado máis de 150 artigos científicos en revistas internacionais recollidas no JCR.

No período 2014-2022, desempeñou o cargo de secretario académico da Facultade de Química, sendo ademais coordinador dos Programas de mobilidade SICUE e ERASMUS. Dende o ano 2019 é editor xefe da sección ‘Macromolecular Crystals’ da revista científica Crystals, sendo tamén editor académico da revista Radiation.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.04.2022.