John Forbes Nash, "unha mente marabillosa" en Compostela
John Forbes Nash, Premio Nobel de Economía 1994, máis coñecido popularmente pola película Unha mente marabillosa (2002) participa esta semana no marco do programa ConCiencia organizado conxuntamente pola USC e o Consorcio de Santiago. John Nash (Virginia Occidental, EE.UU., 1928), que hoxe se reuníu no CEA con investigadores da USC, pronunciará este mércores, día 21, ás 20:00 horas, unha conferencia titulada ‘Diñeiro ideal e diñeiro asintóticamente ideal’ no Centro Sociocultural da Fundación Caixa Galicia.
“Unha mente marabillosa”No ano 1950, con tan só 22 anos, presentaba a súa tese de doutoramento na Universidade de Princeton. Unha tese, ¡de tan só 27 páxinas!, coa que fixo unha extraordinaria contribución á chamada Teoría de Xogos co descubrimento do chamado equilibrio de Nash: cando varios axentes económicos, ou doutra natureza, interactúan, hai unha solución estable no senso de que un axente non pode mellorar as súas expectativas por si só. Por ese traballo, a tan corta idade, foi galardoado co Premio Nobel de Economía en 1994.
A súa contribución é dunha elegancia e sinxeleza tales que deixan ás claras o seu gran talento. Puido comprender a esencia dun problema e dar unha formulación axeitada, que ademais ten moita influencia na vida moderna. As súas múltiples aplicacións non se restrinxen só a economía, senón tamén a numerosos aspectos da vida cotiá: estratexias dos candidatos nunhas eleccións, políticas fiscais das autonomías, evolución de distintas especies biolóxicas, poxas, etc. Tamén é certo, como descubriu o propio Nash, que pode haber equilibrios totalmente irracionais, como sucede con algúns conflitos bélicos ou a excesiva contaminación.
Dende o punto de vista mediático é o participante estrela da edición 2007 de ConCiencia. A razón é o gran eco popular que acadou a súa figura logo de ser contada a súa vida na película “Unha mente marabillosa”, dirixida por Ron Howard e protagonizada por Russell Crowe e Jennifer Connelly. A película conseguiu catro Oscars en 2001 (entre eles á mellor película e director). Contaba a súa evolución científica, claramente marcada por unha esquizofrenia paranoide, da que conseguiu unha notable recuperación. Agora, próximo a cumprir 80 anos, segue cunha vida profesional activa. O seu é un caso exemplar de superación dunha doenza mental.
Con respecto á película cómpre salientar o comentario que fixo sobre ela: “Creo que é unha boa película, como corroboran os catro Óscar que obtivo. Por suposto non representa a realidade absoluta, pero é natural que se permitan certas licenzas, para incrementar o atractivo da mesma”.
De todos os xeitos, o traballo de Nash non se reduciu tan só á Teoría de Xogos. Sirva como valoración o que declaraba en Santiago, hai só dúas semanas (tamén no marco do programa ConCiencia), un dos matemáticos máis importantes do século XX, o Premio Abel 2005 Peter Lax: “Nash ten dúas ou tres contribucións á matemática aínda máis brillantes que as que fixo á Teoría de Xogos”.