Ir o contido principal

John Nash, Premio Nobel de Economía 1994, en Compostela

O Programa ConCiencia trae a vindeira semana á cidade ao prestixioso matemático, cuxa vida foi levada ao cine na oscarizada 'Unha mente marabillosa'

John Forbes Nash (Virginia Occidental, EE.UU., 1928), Premio Nobel de Economía 1994, visitará Compostela a vindeira semana no marco do programa ConCiencia. Este prestixioso matemático, autor dunha extraordinaria contribución á Teoría de Xogos, manterá o martes, día 20, unha xuntanza con investigadores da USC e xa o mércores 21 ofrecerá no Centro Sociocultural Fundación Caixa Galicia unha conferencia na que lembrará a historia e filosofía do diñeiro e falará sobre o concepto de Diñeiro Ideal, así como da evolución futura do mesmo. O ciclo ConCiencia está organizado conxuntamente pola USC e o Consorcio e conta nesta ocasión coa colaboración do Centro de Investigación Económica e Financeira da Fundación Caixa Galicia.
En 1950 e aos seus 22 anos, Nash presentaba a súa tese de doutoramento na Universidade de Princeton coa que fixo unha extraordinaria contribución á chamada Teoría de Xogos ao descubrir o chamado equilibrio de Nash. Esto é, cando varios axentes económicos, ou doutra natureza, interactúan, hai unha solución estable no senso de que un axente non pode mellorar as súas expectativas por si só. Por esa tese foi galardoado co Premio Nobel de Economía en 1994.
A súa contribución supuxo ofrecer unha formulación axeitada a un problema que ten moita influencia na vida moderna. Pero as súas múltiples aplicacións non se restrinxen só á economía, senón tamén a numerosos aspectos da vida cotiá como as estratexias dos candidatos nunhas eleccións, as políticas fiscais das autonomías ou a evolución de distintas especies biolóxicas. Tamén é certo, como descubriu o propio Nash, que pode haber equilibrios totalmente irracionais, como sucede con algúns conflitos bélicos ou a excesiva contaminación.
Protagonista dun oscarizado filmeA figura de Nash acadou grande eco popular logo de ser contada a súa vida na película ‘Unha mente marabillosa’, dirixida por Ron Howard e protagonizada por Russell Crowe e Jennifer Connelly. A cinta, que conseguiu catro Oscar en 2001, conta a súa evolución científica, claramente marcada por unha esquizofrenia paranoide, da que conseguiu unha notable recuperación. Actualmente, próximo a cumprir 80 anos, continúa cunha vida profesional activa.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.11.2007.