Ir o contido principal

José Manuel Martínez Ageitos foi elixido decano da Facultade de Ciencias

O profesor Jose Manuel Martínez Ageitos, ata agora vicedecano da Facultade de Ciencias da USC, foi elixido decano deste centro do Campus de Lugo, despois dunha Xunta de Facultade de carácter extraordinario celebrada na mañá do venrres día 10, e na que se fixo necesario recorrer a unha terceira volta para a elección definitiva entre os dous candidatos, José Manuel Martínez Ageitos e Marcelino Maneiro Maneiro.

O novo decano, Martínez Ageitos, é profesor contratado doutor do departamento de Enxeñería Química. Acompañaba ata o momento ao decano saínte, Francisco Fraga López, no seu traballo ao fronte deste centro. O outro candidato a encabezar a cúpula do centro, Marcelino Maneiro, é profesor titular do departamento de Química Inorgánica, e quedouse a tan só un voto da elección na terceira das votacións. Na primeira volta saía vencedor, pero a ausencia dunha maioría absoluta fixo necesaria a repetición, que provocou un empate na segunda volta. Xa na terceira e definitiva, 30 votos fronte a 29 deixáronlle o posto a Martínez Ageitos. O equipo decanal estará formado pola profesora titular do departamento de Tecnoloxía dos Alimentos, Olga Díaz Rubio, que será a vicedecana, e polo profesor de Química Orgánica, Antonio Rumbo Gómez, que desempeñará a tarefa de secretario.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.12.2010.