José Manuel Touriñán López, premio Educa-REDIPE a toda unha traxectoria profesional dedicada á pedagoxía
O recoñecemento dunha traxectoria prestixiosa dedicada á educación, á investigación pedagóxica e á colaboración coa Rede Iberoamericana de Pedagoxía é a meta que persegue o premio Educa-REDIPE que acaba de recoller o catedrático da USC José Manuel Touriñán López. O xurado subliñou os logros do premiado na consolidación da Pedagoxía Mesoaxiológica, resultado dunha longa carreira investigadora e que son “alternativa emerxente, pioneira e viable no ámbito”. Este premio recoñece a formación e perfil profesional do candidato, vinculadas desde o seu inicio á Pedagoxía; a súa actividade en docencia e investigación universitaria con excelencia académica; a súa actividade en organización, representación, transferencia de coñecemento e xestión acreditadas; e a súa actividade intelectual ligada a redes nacionais e internacionais de educación.
O xurado tamén destacou que o profesor Touriñán “contribúe coas súas achegas nacionais e internacionais á transferencia de tecnoloxía e coñecemento, á innovación conceptual e teórica e á apertura de novas vías de traballo e investigación que inequivocamente melloraron o coñecemento da Educación, a súa capacidade de aplicación dende a intervención e a capacidade de resolución de problemas e de análises nos ámbitos de actuación educativa”.
O profesor Touriñán é catedrático da USC dende o ano 1988. Dispón de máis de 250 estudos especializados publicados e 40 libros; visitou universidades de Europa, América e China; recibiu distincións, mencións de honra e premios académicos e de investigación; e está en posesión da Insignia de ouro da USC (1998), a Medalla de prata de Galicia (1998) e a Insignia de ouro da Universidade da Coruña (2000). Touriñán é tamén profesor honorario da Universidade de Buenos Aires (1993).
O galardón entregouse no marco do acto inaugural do III Congreso da Rede Internacional de Pedagoxía Mesoaxiolóxica (RIPEME) da Rede Iberoamericana de Pedagoxía (REDIPE) 2021 que se celebra na Facultade de Ciencias da Educación baixo o lema ‘Pedagoxía e construción de ámbitos de Educación. A función de educar”.