Ir o contido principal

José Pereira tomou posesión como decano de Ciencias da Comunicación

O profesor Pereira posando co equipo decanal e con membros do consello de dirección da USC
O profesor Pereira posando co equipo decanal e con membros do consello de dirección da USC

Converter á Facultade de Ciencias da Comunicación da USC nun centro de referencia no mundo é o obxectivo que marcará a xestión do profesor José Pereira ao fronte deste centro compostelán. Así o manifestou no transcurso do acto protocolario presidido polo reitor Senén Barro no que tomou posesión do cargo.
Para alcanzar o seu obxectivo, Pereira referiuse a catro eixos específicos que articularán o seu labor ao fronte da Facultade, e que comezaría coa mellora da internacionalización do centro, estendendo o concepto dende a mobilidade ata o cambio nas rutinas de traballo e de formación.
O actual equipo atópase traballando tamén na mellora “dalgúns indicadores cos que non podemos estar satisfeitos”. Referiuse o decano neste senso á calidade da inserción laboral dos egresados, ás novas competencias que deben adquirir os estudantes da USC ou ás ratios alumno/profesor, entre outros.
Como terceiro eixo, Xosé Pereira aspira a que a Facultade de Ciencias da Comunicación compostelá se converta “no centro de referencia para todos aqueles colectivos que necesiten a colaboración de profesionais ou futuros profesionais da comunicación”. A través da formación regrada e non regrada, engadiu Pereira, “Ciencias da Comunicación debe ser un lugar de debate constante de ideas que permitan mellorar a calidade de vida de todos os cidadáns”.
Finalmente, o decano avogou por mellorar a eficacia, “sabemos que podemos mellorar os nosos mecanismos internos de xestión e esta é unha tarefa que debemos asumir”, como resposta ao crecemento do centro e ás novas necesidades asociadas a este proceso.
Pola súa banda, o reitor destacou o alcance deste puntos estratéxico ao identificalos como “os propios compromisos da universidade ao longo destes anos”. Referiuse Barro á “sintonía excepcional” existente con este centro, un dos “máis innovadores, dinámicos e dos máis ambiciosos”.
Xosé PereiraJosé Pereira Fariña (Moraña - Pontevedra, 1976) é profesor titular do Departamento de Ciencias da Comunicación e membro do grupo de investigación Novos Medios da USC. Ademais, nos últimos tres anos tense ocupado da Coordinación de Comunicación Interna e Imaxe Institucional da Universidade compostelá.
Entre as súas publicacións, figuran artigos en revistas internacionais e a súa colaboración na redacción de varios libros sobre o ciberxornalismo, coma o Manual de Redacción Ciberperiodística (Ariel, 2004) e Sistemas digitales de información (Pearson, 2006). Na actualidade, traballa en proxectos de investigación vinculados á análise de contidos e á converxencia dixital entre os diferentes soportes de comunicación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.02.2010.