Ir o contido principal

José Perozo inaugura este venres na Igrexa a exposición ’Bastións’

José Perozo inaugura este venres na Igrexa a exposición ’Bastións’
José Perozo inaugura este venres na Igrexa a exposición ’Bastións’

O escultor José Perozo (Vigo, 1978) reúne na súa exposición ‘Bastións’ unha trintena de pezas creadas entre 2013 e 2017 coas que ilustra un mundo de cidades e personaxes que se habitan a si mesmos e no que se combina certo realismo máxico cunha estética postindustrial.

‘Bastións’ inaugúrase este venres 15 ás 20.30 horas na Igrexa da Universidade nun acto no que ademais do autor intervirán a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez, a coordinadora da exposición e representante de Auga Editora, Llerena Perozo; e Sandra Lesta, autora dunha serie de relatos recollidos nun libro ilustrado por Auga Editora e cuxos protagonistas dialogan coa propia obra de Perozo.

Cada unha das pezas de ‘Bastións’ amosa a vulnerabilidade humana mediante a representación dos diversos refuxios que poden ser creados para guarecerse das súas propias pantasmas, como torres e fortalezas, estruturas de pensamento ou máquinas voadoras.

Con referentes como o cine fantástico de Hayao Miyazaki ou a obra literaria de Alessandro Baricco, Jose Perozo parte da premisa de crear obras de gran presenza teatral e escenográfica combinada cun compoñente estético no que priman o industrial e o arquitectónico.

‘Bastións’ poderá visitarse, con entrada libre, de luns a venres de 18.00 a 21.00 e as fines de semana de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 horas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.09.2017.