Juan Casares asistiu en Vigo á Conferencia de Reitores de Universidades do Suroeste Europeo

Juan Casares Long asistiu este martes 30 á reunión da Conferencia de Reitores de Universidades do Suroeste Europeo (CRUSOE) que tivo lugar na Universidade de Vigo. Participaron na xuntanza o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez; o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; os reitores das universidades de Porto e Vigo, Carlos Marqués Dos Santos e Salustiano Mato; así como o presidente e vicepresidente da Crusoe e o resto de reitores das universidades de Galicia, Castela e León e o norte de Portugal. A CRUSOE está composta por 18 universidades públicas e privadas e institutos politécnicos que conforman a Macrorrexión de Rexións do Sudoeste Europeo (RESOE), unha comunidade universitaria de 300.000 persoas. Forman parte de CRUSOE as universidades da Coruña, Burgos, León, Salamanca, Santiago de Compostela, Valladolid, Vigo, Católica de Ávila, Europea Miguel de Cervantes, Pontificia de Salamanca, IE University Salvador Carmona, Minho, Porto, Trás-os-Montes e Alto Douro, Instituto Politécnico do Porto, Instituto Politécnico de Viana do Castelo, Instituto Politécnico de Bragança e Instituto Politécnico de Cávado e do Ave.