Ir o contido principal

Juan Casares Long, novo reitor da Universidade de Santiago

Juan Casares atendeou aos medios logo de depositar a súa papeleta na votación deste luns 24
Juan Casares atendeou aos medios logo de depositar a súa papeleta na votación deste luns 24

O catedrático de Enxeñaría Química Juan J. Casares Long (A Coruña, 1950) proclámase provisoriamente reitor da Universidade de Santiago, co 56,91 por cento do voto ponderado e xa escrutado o 100% no proceso electoral celebrado este luns. O día 4 de xuño producirase a proclamación definitiva logo do período de reclamacións legalmente establecido.
Nesta segunda volta do proceso electoral, o o catedrático Casares Long conseguiu 2.442 votos reais, mentres que Lourenzo Fernández Prieto se fixo con 2.339 papeletas, o 43,09% do voto ponderado.
A ponderación do voto nas eleccións a reitor ou reitora determínase en función do sector, isto é, na Universidade de Santiago o sector de profesorado funcionario doutor representa o 51 % do voto ponderado; o resto do PDI o 14 %; o sector de investigadores en formación e estudantes de terceiro ciclo e posgrao, o 3 %; os estudantes de primeiro e segundo ciclo, o 24%; e o persoal de administración e servizos (PAS) o 8 %.
Por sectoresPor sectores, os dous candidatos reproduciron idénticos resultados aos da primeira volta de xeito que Juan Casares foi o preferido nos sectores de profesorado funcionario doutor (65,74% do voto ponderado), non doutor (53,45%), contratado doutor, colaborador, axudante doutor e axudante (51,14%), outro profesorado (53,72%) e estudantes de terceiro ciclo (55,06%). Pola súa banda, Fernández Prieto alcanzou maior número de votos nos sectores de estudantes de primeiro e segundo ciclo (54,60%), investigadores en formación (57,67%) e no PAS (53,47%).
Índice de participaciónNestas eleccións a reitor o maior índice de participación rexistrouse entre o profesorado funcionario doutor, co 89,10%, seguido do profesorado contratado doutor, colaborador, axudante doutor e axudante co 82,31% e do funcionario non doutor (82,14%). Xa a máis distancia atópase o PAS, que votou nun 64,50%, mentres que da categoría Outro profesorado acudiu ás urnas o 38,49%. O 18,22% correspóndese coa participación dos investigadores en formación, o 8,46% cos estudantes de 1º e 2º ciclo e, finalmente, o 4,93% cos estudantes de terceiro ciclo e posgrao.
Juan CasaresLicenciado en Química pola Universidade de Santiago de Compostela en 1972, Casares doutorouse en Química pola Universidade Autónoma de Barcelona e en Enxeñería Química pola Universidade de Salford. Logo de traballar a mediados dos 80 na Universidade do Petróleo e Minerais de Arabia Saudí, volveu á USC como profesor titular.
Catedrático das Universidades de Sevilla e Cantabria, o profesor Casares foi director do Centro de Supercomputación de Galicia entre 1993 e 1997 e do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental da Xunta de Galicia (1997-2001).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.05.2010.