Ir o contido principal

Juan Casares Long: “A solución pasa pola Universidade”

O reitor compostelán defendeu no Forum Europa. Tribuna Galicia o necesario papel das universidades na actual conxuntura social e económica

“Nestes difíciles e transcendentais momentos de crise universal a sociedade e os seus gobernos cometerían un grave erro, de consecuencias incalculables, se no seu afán por reducir custos desdeñasen, abandonasen ou se esquecesen da Universidade”. Así comezou este mércores o reitor Juan Casares a súa conferencia no Forum Europa. Tribuna Galicia que tivo lugar no Hostal Reis Católicos. Xustificando os seus argumentos en que “a solución pasa pola Universidade” –título da súa intervención- Casares lembrou que esta foi a única institución civil que perdurou durante tanto tempo e en condicións tan cambiantes. “Mais aínda que aparentemente gozamos da confianza e o respecto da sociedade, ponse en dúbida a eficiencia e eficacia do noso traballo”, dixo. Segundo o reitor, “ao mundo da globalización resúltalle difícil comprender o aparente paradoxo dunha institución que polos seus avances penetra no futuro pero na que pervive o pasado a través de tradicións”. Un percorrido minucioso polos principais datos que poñen de manifesto a “capacidade de liderado da Universidade compostelá” en todas aquelas arelas nas que se involucra serviulle a Casares para manifestar “a reivindicación positiva de algo que é consubstancial ao que somos: o forte carácter innovador da universidade, lonxe desa foto fixa de institución ancorada en tradicións e xestión propias dun pasado máis ou menos remoto”. O reitor compostelán advertiu de que a pesar do progreso constante na xeración de coñecemento os recursos financeiros que recibe a Universidade “conxélanse, cando non se reducen no mellor dos casos”. Para ilustrar esta información lembrou que o financiamento por alumno das Universidades de Norteamérica se sitúa entre dúas e cinco veces o da media das europeas, sendo estas as responsables do 80% da investigación básica. “Se aspiramos a estar entre os mellores temos que dispor de recursos comparables con eles, e a nosa historia recente, no que a financiamento se refire, atópase a metade de camiño da media europea”, sentenciou. O reitor concluíu mostrando a súa convicción de que as universidades “temos a obriga de pór ao servizo da sociedade todos os nosos esforzos e capacidades”, o que pode ser “o noso máis convincente argumento á hora de demandar desa sociedade, a través da súa Administración, o seu imprescindible sostén financeiro”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.11.2011.