Ir o contido principal

Juan José Nieto e Álvaro Goyanes mantéñense entre os investigadores da USC máis relevantes para Web of Science

Juan José Nieto (esquerda) e Álvaro Goyanes (dereita)
Juan José Nieto (esquerda) e Álvaro Goyanes (dereita). Imaxe de arquivo. FOTO: Santi Alvite
Na análise 2021 do ‘Highly Cited Researchers’, tómanse en consideración os artigos que se sitúan entre o 1% dos máis citados no seu eido entre os anos 2010 e 2020
Santiago de Compostela

Os profesores das Facultades de Matemáticas e Farmacia, Juan José Nieto e Álvaro Goyanes, figuran un ano máis como os dous investigadores máis citados da USC no Highly Cited Researchers 2021. A máis recente listaxe que elabora anualmente o grupo Web of Science recoñece os e as investigadoras que demostraron un influxo significante a través da publicación de múltiples artigos, altamente citados, na última década.

A listaxe deste ano inclúe a 6.602 investigadores e investigadoras procedentes de 70 países e rexións. Na análise 2021 do Highly Cited Researchers, os artigos tomados en consideración foron os publicados e citados entre 2010 e 2020 e que logo se situaron no 1% dos máis citados dentro do seu eido.

Currículos

O profesor Juan José Nieto Roig ten coordinado ou participado en máis de vinte proxectos de ámbito europeo, estatal e autonómico e é autor ou coautor de máis de 300 artigos de investigación publicados en revistas internacionais. Lidera o grupo de investigación ‘Ecuacións diferenciais non lineais’ e, na actualidade, traballa na predición do avance da pandemia da COVID-19 a través de modelos matemáticos. O seu ámbito investigador, aínda que de carácter básico, potencialmente posúe utilidade práctica aplicada ao estudo de diversos temas da Física, Bioloxía, Epidemioloxía, Medicina ou Bioinformática, co desenvolvemento de algoritmos máis eficientes para a comparación de secuencias xenéticas.

Pola súa banda, Álvaro Goyanes traballa no eido da impresión 3D de medicamentos con doses personalizadas e é co-fundador e director de desenvolvemento da start up FabRx, a primeira compañía dedicada á impresión 3D de medicamentos personalizados. Asemade, publicou máis de 50 artigos e é un recoñecido experto mundial neste tipo de impresión con máis de 100 comunicacións a conferencias internacionais. Goyanes foi un dos primeiros investigadores en avaliar as oportunidades da impresión 3D utilizando novas tecnoloxías para fabricar formas de dosificación oral.

Músculo investigador

O potencial da USC tamén foi recoñecido recentemente na base de datos elaborada por John P. A. Ioannidis da Universidade de Stanford, xunto con Kevin W. Boyack de SciTech Strategies e Jeroen Baas da empresa Elsevier. Nesta clasificación, un total de 54 investigadores e investigadoras da USC situáronse entre o 2% dos científicos máis citados e influentes do mundo en 22 campos científicos e 176 subcampos. Esta clasificación incorpora tamén unha táboa específica con datos relativos a 2020 na que aparecen 55 investigadores e investigadoras da USC que non aparecen na clasificación xeral que recolle datos de varias décadas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.11.2021.