Ir o contido principal

Juan José Nieto, Premio Conde de Cartagena de investigación traslacional

Juan José Nieto
Juan José Nieto lidera o grupo de investigación ‘Ecuacións diferenciais non lineares’. FOTO: Santi Alvite
O galardón outorgado pola Real Academia Nacional de Medicina recoñece a este catedrático da USC polo seu traballo titulado ‘Aproximacións interdisciplinarias e ciencia integral na loita contra a COVID-19 e futuras epidemias’
Santiago de Compostela

O catedrático de Análise Matemática da USC, Juan José Nieto, acaba de ser recoñecido na última edición dos galardóns que concede a Real Academia Nacional de Medicina co Premio Conde de Cartagena de investigación traslacional. Nieto obtén este recoñecemento polo traballo titulado ‘Aproximacións interdisciplinarias e ciencia integral na loita contra a COVID-19 e futuras epidemias’.

“É unha alegría sendo matemático recibir un premio da Real Academia Nacional de Medicina. Faime moita ilusión”, afirmou o profesor da USC ao coñecer a concesión deste galardón que lle será entregado este martes dentro da Sesión Inaugural do Curso Académico 2022 da devandita Academia. “O traballo afonda en como se pode abordar a loita contra a pandemia dende diferentes ámbitos científicos —social ou económico, entre outros— e non só dende o eido da medicina”, explicou Juan José Nieto.

A Fundación da Real Academia Nacional de Medicina de España convoca anualmente o certame de premios da RANME co fin de recoñecer publicamente o labor, a entrega, o traballo e a traxectoria dos profesionais da medicina española. A convocatoria 2021 engloba un total de 23 distincións que se outorgan en 8 categorías diferentes. En concreto, o Premio Conde de Cartagena é un dos nove que se engloban na categoría de investigación.

Currículo

Juan José Nieto é o investigador da USC que ocupa o chanzo máis elevado no Highly Cited Researchers 2021, a máis recente listaxe que elabora anualmente o grupo Web of Science e que recoñece os e as investigadoras que demostraron un influxo significante a través da publicación de múltiples artigos, altamente citados, na última década. Neste senso, o profesor Juan José Nieto Roig ten coordinado ou participado en máis de vinte proxectos de ámbito europeo, estatal e autonómico e é autor ou coautor de máis de 300 artigos de investigación publicados en revistas internacionais. Lidera o grupo de investigación ‘Ecuacións diferenciais non lineares’ e, na actualidade, traballa na predición do avance da pandemia da COVID-19 a través de modelos matemáticos. O seu ámbito de traballo investigador, aínda que de carácter básico, potencialmente posúe utilidade práctica aplicado ao estudo de diversas cuestións da Física, Bioloxía, Epidemioloxía, Medicina ou Bioinformática.

Nieto ten recibido múltiples galardóns ao longo da súa dilatada carreira investigadora. Entre os máis recentes, atópase o premio Liouville pola súa traxectoria e innovadoras ideas no cálculo fraccionario. O galardón outorgóuselle no marco do primeiro Congreso Virtual sobre Cálculo Fraccionario e as súas Aplicacións (OCMFCA2020). Asemade, o catedrático da USC é director do Instituto de Matemáticas (IMAT) e foi elixido en 2020, coordinador da Rede de Institutos Universitarios de Matemáticas (RedIUM).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.01.2022.