Ir o contido principal

Juan Lema, recoñecido polo Politécnico de Milán coa 'Laurea Magistralis ad Honorem'

Juan Lema, recoñecido coa Laurea Magistralis ad Honorem do Politécnico de Milán
Juan Lema, recoñecido coa Laurea Magistralis ad Honorem do Politécnico de Milán
Trátase a máxima distinción académica das universidades italianas, equivalente ao doutoramento honoris causa

O profesor Juan Lema Rodicio acaba de ser recoñecido pola universidade Politécnico de Milán coa Laurea Magistralis ad Honorem en Enxeñaría Ambiental, a máxima distinción académica das universidades italianas que precisa da aprobación do ministerio italiano de universidades, correspondéndose co doutoramento honoris causa. Trátase dun recoñecemento moi selectivo xa que no que vai de século a recibiron menos de 25 persoas, entre outras, os arquitectos Álvaro Siza e Nicholas Grimshaw; os deseñadores Sergio Pininfarina ou Giornio Armani, e os profesores Paul Crutzen (Premio Nobel de Química) ou Dan Frangopol, entre outros.

A modo de lección maxistral, o profesor Lema disertou sobre ‘Enxeñaría ambiental comprometida cun mundo mellor’. Na súa intervención glosou o desenvolvemento da conciencia ambiental da sociedade dende os movementos conservacionistas promovidos por Theodore Roosevelt a principios do século XX, pasando polo ecoloxismo, os comezos da sustentabilidade e rematando coas propostas de economía circular e os retos ambientais das Nacións Unidas. Posteriormente analizou como estes movementos van tendo un impacto real na cidadanía, con connotacións condutuais, políticas e económicas. Ademais fixo un repaso sobre como a enxeñaría ambiental foi adaptando as súas prioridades e procedementos, orientados actualmente á recuperación de recursos dos residuos e das augas residuais, sempre procurando o menor impacto ambiental, enerxético e económico. Finalmente, transmitiu un mensaxe optimista sobre a evolución da sociedade e da saúde do planeta.

O recoñecemento foille imposto polo profesor Alberto Taliercio logo da laudatio realizada pola catedrática de Enxeñaría Ambiental Francesca Malpei e na que salientou as contribucións do profesor Lema e do grupo de investigación Biogroup, con especial atención ao seu impacto na tecnoloxía de tratamento e recuperación de refugallos nas augas residuais. Destacou tamén a súa capacidade de liderado internacional na procura de alternativas máis eficientes e sostibles.

Este título académico honorífico súmase ao nomeamento de Lema como honoris causa pola Pontificia Universidade Católica de Valparaíso (Chile) en 2015 e a de Honorary Professor pola Universidade de Queensland (Australia) en 2018. Asemade, Juan Lema recibiu, entre outras distincións, o título de Fellow pola International Water Association en 2014, a Insignia de ouro da USC (2013) e a Medalla de Ouro de Enxeñaría Química da Universidade de Valladolid (2010).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.06.2021.