Ir o contido principal

Juan Lema tomou posesión como novo presidente da Real Academia Galega de Ciencias

O profesor Juan Lema, á dereita, co anterior presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos. Foto: RAGC
O profesor Juan Lema, á dereita, co anterior presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos. Foto: RAGC

O catedrático de Enxeñaría Química na USC recentemente xubilado Juan Manuel Lema Rodicio tomou posesión este mércores en Santiago como presidente da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), tomando así o relevo de Miguel Ángel Ríos Fernández.

Ao acto, que coincidiu coa apertura do curso académico, asistiron, entre outras persoas, a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; o vicerreitor de Investigación e Innovación da USC, Vicente Pérez Muñuzuri; a vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, Belén Rubio, e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez.

A lección inaugural do curso académico da RAGC correu a cargo de Juan José Nieto Roig, que disertou sobre as novas tendencias en investigación, facendo un percorrido desde a nanotecnoloxía e a intelixencia artificial ata os exoplanetas e a computación cuántica.

Juan Lema
No ámbito científico, Lema foi pioneiro e é referencia mundial na área da biotecnoloxía ambiental, principalmente na degradación anaerobia de contaminantes en augas e residuos, con produción de biogás. O seu traballo aválano 59 teses doutorais dirixidas, máis de 60 proxectos de investigación (18 deles europeos), 11 patentes españolas e catro europeas e máis de 350 artigos publicados en revistas de alto impacto científico.

Lema coordinou a COST Action Water 2020, coa participación de 165 investigadores de 32 países. Coordina actualmente a Rede Novedar, formada por 10 grupos de investigación españois, e a Rede Galega de Tecnoloxías Ambientais, con 18 grupos das tres universidades galegas. En 2014 foi nomeado fellow da International Water Association, en 2015 doutor honoris causa pola Pontificia Universidade Católica de Valparaíso (Chile) e en 2018 profesor honorario da Universidade de Queensland (Australia). Ademais, recibiu os premios Babcock e García-Cabrerizo á innovación.

Foi ademais director do Departamento de Enxeñaría Química na Universidade Autónoma de Barcelona e na USC, impulsor e primeiro director da Escola Técnica Superior de Enxeñaría e promotor e primeiro presidente da Conferencia de Decanos e Directores de Enxeñería Química, contribuíndo á concepción e concreción da carreira de Enxeñaría Química en España.

Nova xunta directiva da Real Academia Galega de Ciencias. Foto: RAGC

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.01.2019.