Juan Méndez, proposto para director do novo Centro Tecnolóxico Lácteo

O profesor da Escola Politécnica Superior de Lugo Juan Francisco Méndez Dónega foi proposto este martes 10 director do Centro Tecnolóxico Lácteo de Galicia. A elección baséase na súa ampla experiencia á fronte da Aula de Produtos Lácteos, dende a creación da mesma en 1993. Foi proposto durante a celebración da primeira reunión do padroado e do acto de constitución da Fundación ante notario. Méndez viña exercendo como director da Aula de Produtos Lácteos da USC dende a súa creación.
Así mesmo, aprobouse a composición da xunta rectora, órgano ordinario de xestión ao que corresponde o goberno, e a administración da Fundación coas atribucións e facultades delegadas polo Padroado, integrada polas consellarías de Innovación e Industria e do Medio Rural, as universidades de Santiago de Compostela e Vigo e dez das principais empresas do sector lácteo que operan en Galicia (CAPSA Corporación Alimentaria Peñasanta, Leche Pascual, Lactalis, Celta, Leyma, Feiraco, Queizuar, Queserías Prado, LASURGAL Lácteos y Sueros de Galicia e Puleva Food). A presidencia do centro recaerá na consellaría de Innovación e Industria, ocupando a vicepresidencia a empresa Feiraco e a secretaría a Universidade de Santiago de Compostela, para o que foi nomeado Agustín Merino. Xunto aos representantes das institucións asistiron o reitor da USC, Senén Barro, e os conselleiros Alfredo Suárez Canal e Fernando Blanco.
Centro Tecnolóxico LácteoO Centro Tecnolóxico Lácteo nace co obxectivo de ser unha infraestrutura que faga de nexo entre administración, empresas e universidade para desenvolver toda a capacidade investigadora do sector primario galego, un dos sectores básicos da economía produtiva de Galicia. En concreto, o Centro nace co obxectivo de liderar a investigación básica e aplicada en colaboración coas empresas do sector, como continuidade e intensificación do labor que ata agora viña desenvolvendo a Aula de Produtos Lácteos da Universidade de Santiago de Compostela. O Centro situarase en terreos do Parque Científico-Tecnolóxico de Lugo, onde está previsto que comece a súa construción en breve.
O orzamento asociado á constitución do Centro Tecnolóxico Lácteo ascende a 295.000 euros, achegados polos membros que o conforman. As universidades de Santiago de Compostela e Vigo achegan conxuntamente 35.000 euros, a Consellaría de Innovación e Industria proporciona 65.000 euros, a do Medio Rural e o Instituto Galego da Calidade Alimentaria aportan 45.000 euros en conxunto e a iniciativa privada contribúe con 150.000 euros. Innovación e Industria investiu ademais máis dun millón de euros nos últimos anos na conversión da Aula de Produtos Lácteos en centro tecnolóxico e está previsto asinar neste exercicio un convenio de consolidación que achegue recursos para os vindeiros tres anos.
Entre os servizos que prestará o centro destaca a área de Tecnoloxía Agroalimentaria, que incluirá catro liñas de fabricación para elaborar produtos lácteos.
O sectorO sector lácteo galego agrupa preto de 15.000 explotacións de leite, máis da metade das do conxunto do Estado. Delas, a maioría están radicadas na provincia de Lugo. Ademais, a produción de leite en Galicia rolda os 2.200 millóns de quilos anuais e supera en volume de negocio os 900 millóns de euros, cifras que dan conta da importancia desta actividade na comunidade.