Ir o contido principal

Juan Rof Codina, o “primeiro influencer veterinario’

Juan Rof Codina
Juan Rof Codina
Un relatorio sobre o impulsor da Veterinaria en Galicia e España, a cargo do doutor Diego Conde, e a visita ao seu arquivo persoal, depositado na biblioteca Intercentros de Lugo, abren o 21 de setembro os actos organizados pola Real Academia Galega de Ciencias para lembrar a figura e a pegada de Rof Codina, ‘Científico galego do ano 2022’
Lugo

O Campus de Lugo da USC converterase este mes nun dos escenarios escollidos pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) para celebrar o recente nomeamento de Juan Rof Codina, impulsor da Veterinaria en Galicia e en España, como ‘Científico Galego do ano 2022’. A fonda ligazón que existe entre a figura e pegada deixada por Rof Codina na sede universitaria luguesa, cuxa biblioteca Intercentros é depositaria do arquivo persoal do homenaxeado, ademais de contar cun hospital veterinario que leva o seu nome, levou á RAGC a programar no Campus de Lugo unha sesión divulgativa da figura e da obra de Rof Codina que se desenvolverá o día 21, a partir das 18.00 horas, na Biblioteca Intercentros.

O relatrorio ‘O primeiro influencer veterinario’, a cargo do investigador da USC e doutor en Veterinaria Diego Conde, quen é especialista en Juan Rof Codina, abrirá os actos. Neste relatorio, aberto a todo o público interesado, Diego Conde achegará aos asistentes a unha figura tan transcendental como aínda descoñecida, dado que Juan Rof Codina foi un innovador no eido da Veterinaria, e a súa obra e legado contribuíron de xeito salientable á modernización do sector agropecuario en Galicia e á difusión do concepto de asociacionismo entre os gandeiros galegos.

Unha vez rematada a conferencia, os participantes terán a oportunidade de realizar unha visita guiada e comentada ao fondo Rof Codina, situado na propia Biblioteca Intercentros, para coñecer o “valioso material” que atesoura. A maior parte da súa obra orixinal e da súa biblioteca persoal foi doada en 1995 pola súa filla Carmen Rof Carballo á Biblioteca da Facultade de Veterinaria de Lugo da Universidade de Santiago, aínda que na actualidade o fondo permanece na Biblioteca Intercentros. Ao longo da súa vida Rof escribiu máis de 700 artigos destinados a difundir as novas teorías nos campos da agricultura e a gandería, depositados agora na biblioteca lucense, xunto a material manuscrito, diferentes publicacións e mesmo fotografías que foi recompilando durante a súa vida profesional.

A Fundación Rof Codina, de cuxo padroado forma parte a USC a través da súa Facultade de Veterinaria, e o hospital veterinario homónimo, reforzan se cabe a pegada de Rof Codina no Campus de Lugo, unha cidade que, asemade, recoñece no seu rueiro a este pioneiro no mundo da Veterinaria.

O aforo para tomar parte nas actividades programadas pola Real Academia Galega de Ciencias no Campus de Lugo é limitado, polo que as persoas interesadas poderán inscribirse de balde ata o 19 de setembro a través do formulario xa habilitado en liña.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.09.2022.