Julia González Álvarez, elixida nova directora da Escola Técnica Superior de Enxeñaría
A profesora Julia González Álvarez acaba de ser elixida directora da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago nunha xunta de centro na que se contabilizaron 40 votos a favor da candidatura, seis en branco e un nulo.
Profesora titular do Departamento de Enxeñaría Química, tamén é coordinadora desde 2004 do grupo de investigación ‘Intensificación de procesos para un desenvolvemento sostible’ e do mestrado de Enxeñaría Química e Bioprocesos desde o curso 2013-2014. Ademais foi membro das comisións redactoras das memorias dos títulos de grao e mestrado en Enxeñaría Química.
O seu labor investigador centrouse no aproveitamento de materiais lignocelulósicos e, en particular, de residuos de orixe industrial co obxectivo de aumentar a competitividade da industria da madeira desenvolvendo novos produtos a partir de procesos sostibles. Neste contexto participou en nove proxectos de investigación (en cinco como investigadora principal) e en once contratos de investigación con empresas (en oito como investigadora principal). É coautora de 74 artigos en revistas internacionais, delas 64 indexadas no JCR (índice h = 23) e un capítulo de libro. Presentou unhas 70 comunicacións en congresos internacionais e nacionais e ten unha patente de invención. É editora asociada da revista de Elsevier "Industrial Crops and Products" (Q1) desde abril de 2015.