Ir o contido principal

Os kolam, arte efémera das mulleres e nenas do sur da India, protagonizan unha exposición no Colexio de Fonseca

A exposición poderá visitarse ata o 28 de novembro. Foto: Santi Alvite
A exposición poderá visitarse ata o 28 de novembro. Foto: Santi Alvite
Estes descoñecidos deseños cotiás realizados con fariña de arroz e que combinan arte e matemática poderanse aprender este venres nun obradoiro práctico

"Cada día ao amencer, millóns de mulleres e nenas de todas as condicións sociais do sur da India adornan os limiares das súas casas con deseños xeométricos realizados con fariña de arroz -chamados kolams-, que en ocasións están inspirados na natureza. No transcurso do día, os kolams esvaecen pola choiva, pisados polos viandantes ou simplemente difuminados polo vento, convertendo estas preciosas creacións nunha arte perecedoira”. Deste xeito narra a realizadora audiovisual e antropóloga Claudia Silva a súa experiencia a partir de viaxes que realizou a Tamil Nadu desde 2012 ata a actualidade e que agora atopa forma na exposición fotográfica 'KOLAM. Unha arte efémera de mulleres no sur da India' que este mércores inauguraron no Claustro Alto do Colexio de Fonseca a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, a propia autora e a profesora da Facultade de Matemáticas da USC Ana Peón, quen viu o potencial desta manifestación cultural, antropolóxica, artística e científica, que se da nun contexto de cotidianeidade e cunha compoñente de xénero, e tivo a idea de traela a Santiago.

A mostra, que se poderá visitar ata o 28 de novembro en horario de luns a venres de 11 a 14 e de 17 a 20.30 horas, forma parte da investigación audiovisual de Claudia Silva en prácticas de tradición oral en diferentes culturas e a súa relación coa arte e a ciencia. "Camiñar polas rúas é unha actividade habitual. A sorpresa ao ver fermosos deseños no chan é unha experiencia asombrosa, máis aínda ao descubrir que están feitos con fariña de arroz. A elaboración destes deseños chamados kolam fai parte das tradicións e prácticas culturais femininas en Tamil Nadu, ao sur da India", indica a artista. “Ao pintarse no chan, os kolams considéranse unha expresión de arte da rúa, e a particularidade xeométrica dos seus deseños é estudada pola etnomatemática: a área de investigación interdisciplinar que conecta antropoloxía e matemáticas”, explica.

Actividades complementarias
Como actividades complementarias á exposición, a propia Claudia Silva e o profesor investigador do Consejo Superior de Investigaciones Científicas no Instituto de Ciencias Matemáticas, Óscar García-Prada, ofrecerán na tarde deste mércores, ás 18.30 horas, a conferencia 'Antropoloxía e matemáticas do kolam' no Salón Nobre do Colexio de Fonseca.

Ademais, haberá un obradoiro de realización de kolams aberto ao público o venres 8 de novembro, de 17 a 18.30 horas, no comedor do Colexio de Fonseca. Esta actividade está concibida para a cativada.

A autora
Claudia Silva traballou en proxectos de “educación propia”, intercambio cultural e divulgación con comunidades indíxenas de Colombia. Interesada en diversos métodos de educación, formouse na metodoloxía de comunicación consciente e respetuosa 'Cómo hablar para que los niños escuchen’ de Faber e Mazlish, do cal é facilitadora certificada, e en Educación Viva co Centre de Assessorament i Investigació d'Educació Viva de Barcelona (CAIEV). É titulada tamén en arte dramática polo Estudi de Teatre Helena Munné de Barcelona. Nacida en Bogotá-Colombia, en 2001 estableceuse en España. Tras vivir 14 anos en Barcelona na actualidade reside en Madrid.

O seu traballo fotográfico sobre o kolam foi exhibido no Instituto de Ciencias Matemáticas de Madrid (ICMAT), a Universidade do Porto, o Wolfson College da Universidade de Oxford, o Simons Center for Geometry and Physics da Universidade de Stony Brook de Nova York, a École Normale Supérieure de París (ENS), a Universidade Autónoma de Madrid (UAM), o International Centre for Theoretical Sciences de Bangalore da India (ICTS) e o Institute des Hautes Études Scientifiques de París (IHES).
 

De esquerda a dereita, Claudia Silva, Pilar Murias e Ana Peón. Foto: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Claudia Silva, Pilar Murias e Ana Peón. Foto: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.11.2024.