O Laboratorio de Radiofísica da USC presenta o primeiro patrón primario de dose absorbida en auga mediante un calorímetro portátil
O laboratorio de Radiofísica da USC participa no desenvolvemento do curso que a Sociedade Española de Física Médica dedica ao avances e novos retos en dosimetría de referencia en feixes de fotóns, electróns e protóns, así como en aplicacións da calorimetría in situ e que estes días se celebra en Madrid coa colaboracións dos hospitais Puerta de Hierro, Quirón Salud e Protonterapia.
No curso, especialistas do Laboratorio compostelán, do SERGAS, do Servizo Madrileño de Saúde, de Quirón Salud e da Universidade Católico de Lovaina expoñen e intercambian experiencias arredor dos últimos avances en dosimetría de referencia en técnicas avanzadas para a formación do persoal especializado en radiofísica hospitalaria e persoal investigador no ámbito da Física Médica. O Laboratorio de Radio Física da USC é un centro de calibración de todos os servizos de radioterapia de España e garante as doses impartidas a persoas que reciben tratamento fronte ao cancro por medio destas técnicas.
Como sinala o director do Laboratorio da USC, Faustino Gómez, durante os últimos anos e dentro dun proxecto de investigación da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago financiado polo Instituto de Saúde Carlos III, neste laboratorio desenvolveuse o primeiro patrón primario de dose absorbida en auga en España mediante un calorímetro portátil. No curso presentarase esta nova técnica de medida da máxima exactitude. Con este novo, a instalación da USC sitúase entre os laboratorios de calibración máis avanzados de Europa e garante a máis elevada exactitude de medida da dose. Actualmente unha ducia de hospitais de España xa foron calibrados mediante este novo sistema, así como un centro de protonterapia de Reino Unido en colaboración coa empresa IBA-Dosimetry.