O Laboratorio de Radon de Galicia salienta nunha revista internacional a falta de homoxeneidade nos niveis admisibles de concentración do gas
Os investigadores do Laboratorio de Radon de Galicia acaban de publicar un editorial no European Respiratory Journal no que consideran “rechamante” as diferenzas entre distintas administracións nos niveis admisibles de concentración de radon interior.
O European Respiratory Journal é unha das tres revistas máis importantes do mundo en enfermidades respiratorias e a máis destacada no ámbito europeo. O editorial, do que é autor principal o profesor da USC Alberto Ruano Raviña, subliña que a poboación norteamericana –“pero tamén a irlandesa, canadiana ou a inglesa”– ten niveis de acción máis estritos que a doutros países.
O profesor Ruano avoga por que na Unión Europea baixen os niveis que marcan a tolerancia de concentración do gas tendo en conta que a directiva europea –que debe ser trasposta o ano que vén- establece a posibilidade de empregar niveis superiores.
Premio
Por outra banda, a doutoranda da USC María Lorenzo González, na actualidade residente de Medicina Preventiva e Saúde Pública no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, acaba de gañar o premio para residentes do Complexo polo artigo ‘Residential radon in Galicia: a cross-sectional study in a radon-prone area’, publicado no Journal of Radiological Protection e que describe o mapa de radon de Galicia. Esta revista é tamén das máis importantes no ámbito da protección radiolóxica.
Este é xa o cuarto premio que gañan investigadores do Laboratorio no que vai de ano, nos que se inclúen dous premios estatais.
Laboratorio de Radon de Galicia
O Laboratorio de Radon de Galicia que dirixe o profesor Xoán Miguel Barros Dios fai un importante labor de investigación no ámbito do radon interior á vez que dende hai 25 anos realiza medicións a particulares e empresas previa solicitude.
O equipo do laboratorio é o responsable do Mapa de Radon de Galicia, con máis de 3.500 medicións en municipios galegos e que é un instrumento de saúde pública no que cidadanía, administracións e empresas poden coñecer a concentración esperada de radon interior segundo a localización da súa residencia xeográfica.
O Laboratorio é recoñecido internacionalmente polas súas publicacións e pola participación no Manual da Organización Mundial da Saúde sobre o radon interior.