O Laboratorio de Referencia E. coli da USC colabora coas autoridades sanitarias na caracterización da cepa Escherichia coli responsable da alerta sanitaria en Alemaña
O Laboratorio de Referencia E. coli da USC (LREC) está colaborando coas autoridades sanitarias autonómicas e estatais na caracterización da cepa Escherichia coli verotoxixénico responsable de tres mortes e máis de 200 persoas afectadas en Alemaña. Investigadores do Instituto de Hixiene de Hamburgo apunta que a cepa responsable desta alerta sanitaria en Alemaña é do serotipo O104:H4. Ata gora pensábase que o brote debíase a cepas O157:H7. O LREC, un dos cinco de todo o mundo capacitado para analizar esta bacteria, traballará agora na caracterización do serotipo O104:H4. Para más información sobre o brote, as autoridades recomendan consultar a páxina web de Eurosurveillance http://eurosurveillance.org/. Segundo explica o Laboratorio da USC a O104:H4 é unha variante raramente illada e da que unicamente existen dúas referencias previas. Foi o profesor da Universidade de Münster Helge Karch quen a identificou por vez primeira en Alemaña en 2001 asociada cun caso de Síndrome Urémico-Hemolítico (SUH) e posteriormente foi illada novamente en Corea en 2005. Para acadar máis información sobre os serotipos responsables dos casos de SUH detectados en Alemaña, as persoas interesas poden visitar a web http://www.cdc.gov/eid/content/14/8/1287.htm. Respecto do brote actualmente activo en Alemaña, o LREC sinala que o Instituto Robert Koch de Berlín (http://www.rki.de/) informou de que a orixe do brote podería estar en verduras contaminadas con esterco líquido usado para abonos. Igualmente os investigadores traballan coa hipótese de que os afectados contraeran a enfermidade pola inxesta de produtos lácteos ou carnes semicrudas. Neste senso, os datos do Instituto de Hixiene de Hamburgo apuntan a cogombros españois como responsables do brote. Os investigadores alemáns detectaron o foco infeccioso tras realizar probas en catro cogombros escollidos aleatoriamente da oferta de verduras do mercado central de Hamburgo, tres dos cales procedían de España. Segundo o LREC da USC “é evidente que o tamaño da mostra realizada non é representativo, e que futuras investigacións deberán confirmar a verdadeira orixe da intoxicación alimentaria”. Especialmente aqueles que poidan demostrar que a bacteria illada dos pacientes é a mesma que a detectada en alimentos polo seu perfil molecular (utilizando por exemplo, a comparación dos seus perfís de macrorrestrición obtidos mediante PFGE). Os E. coli verotoxixénicos, tamén coñecidos como E. coli produtores de toxinas Shiga (STEC) ou enterohermorráxicos (ECEH) son importantes patóxenos emerxentes que causan patoloxías moi severas en seres humanos como a colite hemorráxica e a síndrome hemolítico-urémico, unha enfermidade infecto-contaxiosa que se caracteriza por insuficiencia renal, anemia hemolítica microanxiopática, defectos da coagulación e signos neurolóxicos variables, entre outros. Aínda que os ECVT pertencen a unha ampla variedade de serotipos, o máis frecuente e virulento é o O157:H7, seguido do O26:H11. Outros serotipos frecuentemente asociados a patoloxías humanas son o O91:H21, O103:H2, O111:H-, O113:H21, O117:H7, O118:H16, O121:H19, O128:H2, O145:H28 (H-) y O146:H21. Ónde se atopa a bacteria Os rumiantes e moi especialmente o gando vacún constitúe o principal reservorio deste tipo de microorganismos, sendo a carne picada de vacún, os produtos lácteos, a auga e verduras os principais vehículos de transmisión. A bacteria forma parte da flora intestinal do gando e pode contaminar as canles de carne no matadoiro durante as operacións de desollado e evisceración. No caso das leitugas, espinacas ou outros vexetais, as bacterias chegan normalmente polo emprego de abonos orgánicos, por estar a horta de produción cerca de pastos con gando vacún ou polo risco con auga contaminada con restos de feces de animais. (http://www.usc.es/ecoli/vtese.html) Prevención e control Consumir a carne suficientemente cociñada, lavar ben as mans despois de tocar a carne fresca, colocar esta carne fresca sen cociñar nos andeis máis baixos do frigorífico para evitar que os xugos contaminen outros alimentos que sen consumen sen quentar, lavar correctamente a verdura que se vai consumir fresco e consumir leite pasterizada ou tratada co sistema UHT. Estes son os consellos prácticos realizados polo Laboratorio de Referencia de E. coli da USC como medidas preventivas fronte a un brote da cepa Escherichia coli.