Ir o contido principal

O Laboratorio de referencia E. coli da USC desenvolve unha vacina contra clons responsables das infeccións do tracto urinario

Jorge Blanco, no centro da imaxe, con investigadores do LREC-USC, nas dependencias da Facultade de Veterinaria
Jorge Blanco, no centro da imaxe, con investigadores do LREC-USC, nas dependencias da Facultade de Veterinaria
A ‘International Journal of Medical Microbiology’ vén de publicar as últimos achegas do LREC-USC sobre o clon ST131, o máis prevalente a nivel mundial en ITUs e sepsis

O Laboratorio de Referencia de E. coli da USC (LREC-USC) está a traballar no desenvolvemento dunha vacina contra os principais clons causantes das infeccións do tracto urinario (ITU), que, logo das respiratorias, son as infeccións máis comúns que afectan ás persoas e en preto dun 80% dos casos están causadas pola bacteria Escherichia coli, segundo indica o catedrático de Microbioloxía da USC e director do LRC-USC, Jorge Blanco.

O tratamento antibiótico resulta efectivo e soluciona a problemática causada por este tipo de infeccións na maioría dos casos, a pesar de que nos últimos anos emerxeron clons altamente virulentos que son multirresistentes aos antimicrobianos máis empregados na actualidade, o que complica o seu tratamento, explica Blanco. Este investigador da USC precisa que un dos clons multirresistentes que conseguiu expandirse de xeito espectacular no plano mundial nos últimos anos foi o ST131. O clon ST131 foi identificado en 2008 por un consorcio internacional do que formaban parte investigadores del Laboratorio de Referencia de E. coli da Facultade de Veterinaria da USC e da Unidade de Microbioloxía Clínica do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) del Sergas. Desde entón xa se publicaron 356 artigos científicos internacionais sobre o clon ST131, o máis prevalente a nivel mundial en ITUs e sepsis, subliña Jorge Blanco, que subliña que os investigadores do LREC-USC e do HULA mantiveron un protagonismo científico destacado nestes último lustro ao participar en 17 dos artigos publicados, todos eles cun elevado índice de impacto. De feito, a prestixiosa revista International Journal of Medical Microbiology vén de publicar os últimos adiantos sobre o clon ST131 realizados por los investigadores do LREC-USC e do HULA, en colaboración con científicos de varios hospitais españois (Vall d´Hebrón de Barcelona, Marqués de Valdecilla de Santander, Virgen Macarena de Sevilla e 12 de Octubre de Madrid) e das Facultades de Medicina das universidades de Washington, París Diderot-Sorbonne e de Cantabria. Nestas investigacións e logo de estudar 2.995 cepas de E. coli illadas entre os anos 2005 e 2012 de mostras clínicas obtidas na súa maioría de doentes con ITUs, detectáronse 490 (16%) do clon ST131, que foron tipadas molecularmente para identificar os subclóns predominantes e os seus xenes de virulencia. Ademais, engade Blanco, tamén se analizaron os xenes de resistencia a antibióticos, ao tempo que se estudou a virulencia en vivo empregando un modelo murino. De feito, este é o primeiro estudo en Europa no que se analiza a prevalencia do subclón H41 de O16:H5-ST131 con respecto aos subclóns H30 y H30-Rx de O25b-ST131, e se estuda a súa virulencia en vivo. Entre as conclusións ás que permiten chegar os estudos científicos que vén de publicar a International Journal of Medical Microbiology cómpre citar que os subclóns H30 y H30-Rx están amplamente expandidos en España, mentres que o subclón H41 ten unha difusión moi inferior, tal e como xa apuntaran outros autores en Estados Unidos e Canadá. Outra das achegas novas atinxe ao feito de que as cepas do subclón H30-Rx son as máis multirresistentes a antibióticos e posúen unha combinación de xenes de virulencia máis agresiva. Sen embargo, aínda que as cepas do subclón H41 teñen menos xenes de virulencia, algunhas presentan unha virulencia en vivo elevada comparable á das cepas altamente virulentas do subclón H30-Rx, relatou Blanco. Este tipo de estudos teñen importancia clínica para poder identificar os clons emerxentes multirresistentes e para desenvolver medidas de profilaxis que freen a súa expansión, indica Blanco. Este investigador engade tamén que fronte a este tipo de cepas o tratamento empírico cos antibióticos habituais pode fallar, polo que cómpre realizar o correspondente urocultivo así como un antibiograma que permitan saber a que antibióticos é sensible cada cepa. O desenvolvemento de vacinas e novos fármacos é imprescindible para loitar fronte a estes clons emerxentes altamente virulentos e multirresistentes. Daquela, o director do LREC-USC coida tamén importante realizar estudos para coñecer a importancia do reservorio animal e, sobre todo, a súa su transmisión alimentaria. A transmisión por vía alimentaria e especialmente preocupante, dado que o uso de antibióticos en medicina veterinaria é elevado, sobre todo no caso de quinolonas fluoradas, uns antimicrobianos tamén empregados a cotío no tratamento de infeccións humanas, indica Blanco. Neste senso, o director do LREC-USC salienta que o persoal integrado neste grupo de investigación está a estudar as fontes de transmisión do grupo clonal pandémico ST131 de E. coli, un proxecto que se está a desenvolver no marco do Plan Estatal de Investigación Científica e Técnica de Innovación 2013-2016, e cuxos resultados axudarán a coñecer epidemioloxía deste grupo clonal emerxente, avaliar os risco dos potenciais reservorios e planificar as medidas de control axeitadas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.10.2014.