Larga vida ao mexillón de río
A Fundación Biodiversidade, dependente do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, apoia na súa última convocatoria de achegas á investigación un proxecto do Campus Terra da USC para dar continuidade ás accións de cultivo e conservación do mexillón de río Margaritifera, martaritifera’, un labor comezado polo grupo de investigación Conservación de peixes e moluscos da USC (GI-2040) ao abeiro do programa Life Margal Ulla e en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.
As accións xa desenvolvidas neste eido polo equipo de investigación da USC liderado pola Mª Paz Odina Navarret, profesora do Departamento de Zooloxía e Antropoloxía Física da USC na Escola Politécnica Superior de Lugo, posibilitou a posta en marcha da única planta de cultivo existente na Península Ibérica do mexillón de río ‘Margaritifera margaritifera’, unha especie que se atopa en perigo de extinción.
Esta estación de cultivo, situada nas instalacións do centro ictioxénico de O Veral (Lugo), nace como un proxecto piloto co obxectivo de lograr o manexo integral do ciclo biolóxico da especie, a fin de obter xuvenís viables para reforzar as poboacións do citado bivalvo na conca do río Ulla. Este obxectivo inicial levouse a cabo con éxito e, actualmente, mantéñense catro cohortes sucesivas de sementes, recollidas en ciclos anuais desde o ano 2013.
O mexillón de río ‘Margaritifera margaritifera’ é unha especie filtradora que ten un cometido fundamental na integridade do ecosistema acuático, á vez que é bioindicadora da súa calidade. Caracterízase por unha extraordinaria lonxevidade, excedendo os 100 anos, e por un complexo ciclo vital, no que os salmónidos autóctonos desenvolven unha importante función ao ser os hospedadores das súas larvas, ademais de servirlles como vehículo de dispersión nos ríos.
Esta especie pasou de ser un dos bivalvos máis comúns nas augas frías dos ríos do Atlántico Norte a atoparse ao borde da extinción na actualidade. Esta situación reflíctese na redución de efectivos e poboacións e vese agravada por unha significativa ausencia de recrutamento ao longo de toda a súa área de distribución. Precisamente son estas as circunstancias e os condicionantes que propiciaron que en Europa se estean a abordar medidas de recuperación centradas na mellora do hábitat fluvial e na posta en marcha de experiencias ex situ para reforzar ou reintroducir a especie.
A pesar do éxito obtido no plan piloto de cría, os problemas de recrutamento que sofre a especie no medio natural proxéctanse ineludiblemente no seu cultivo, ao que se engade a condición dun óptimo mantemento dos peixes acolledores das súas larvas. Os xuvenís obtidos, tras un longo período de 9 meses nas branquias do peixe, posúen un crecemento lento e sofren altas taxas de mortalidade nas primeiras etapas de vida, o que obriga a crialos en catividade ata acadar un tamaño e unha condición fisiolóxica acaídas para sobrevivir na natureza.
As dificultades que presenta a conservación e o cultivo de ‘Margaritifera, margaritifera’ propicia a necesidade de deseñar e pór en práctica protocolos experimentais de cultivo que faciliten a cría, melloren a supervivencia e aceleren o seu ritmo de crecemento. Cómpre lembrar neste senso que, unha vez rematado o proxecto Life, na actualidade cóntase cun número suficiente de exemplares que poderán ser introducidos no medio natural, con técnicas que permitan o seu seguimento, a fin de poder testar así o resultado das melloras realizadas no hábitat.
Estes aspectos que inciden nas dificultades que implica a conservación e recuperación desta especie están recollidos no proxecto presentado polo grupo de investigación Copemol da USC á Fundación Biodiversidade baixo o título ‘Conservación ex situ da náyade en perigo de extinción M. margaritifera: Implementación da actuación de cultivo do proxecto Life+ Margal Ulla’. A Fundación Biodiversidade acolleu con agrado a solicitude trasladada por este grupo de investigación do Campus Terra da USC e valorouna entre as catro mellores, polo que aprobou un orzamento total de 90.000 euros (50% cofinanciamento). O principal obxectivo desta nova actuación pasa por dar continuidade á actuación de conservación ex situ e desenvolver e optimizar protocolos de traballo.
Este novo proxecto está coordinado polo grupo de investigación Copemal da USC, un equipo que agroma investigadores da área de Xenética e Zooloxía e que posúe un forte perfil multidisciplinar. De feito, neste cometido están implicados os grupos de investigación de Química Física Ambiental da USC, coordinado por Sarah Fiol, responsable da monitorización do medio acuático, e o de Anatomía Patolóxica Veterinaria, liderado por Isabel Quiroga, involucrado no control sanitario dos peixes e no estudo da súa resposta ao proceso de enquistamento a nivel branquial.
Exemplares de 3 anos criados na estación de cultivo Exemplares de M. margaritifera de diferentes tallas e idades Crías cultivadas cun mes de vida Xuvenís de mexillón de río criados na estación de cultivo A profesora e investigador Paz Ondina, explicando o proxecto na Fundación Biodiversidade