Ir o contido principal

Laura Sánchez Piñón, nova directora do CEBIOVET

Sánchez Piñón pertence ao grupo de investigación ‘Xenética para a acuicultura e a conservación de recursos’ (ACUIGEN)
Sánchez Piñón pertence ao grupo de investigación ‘Xenética para a acuicultura e a conservación de recursos’ (ACUIGEN)
A profesora emérita da USC pertence ao departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo
Lugo

A profesora emérita Laura Sánchez Piñón é a nova directora do Centro de Biomedicina e Veterinaria (CEBIOVET). Pertencente ao departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física, Sánchez Piñón sitúase á fronte deste centro de apoio ao progreso das Ciencias Veterinarias e Biomédicas situado nos pavillóns anexos ao Hospital Veterinario Universitario Rof Codina, na Facultade de Veterinaria do campus lucense.

Sánchez Piñón pertence ao grupo de investigación ‘Xenética para a acuicultura e a conservación de recursos’ (ACUIGEN). A súa investigación céntrase no desenvolvemento de modelos animais de peixe cebra para comprender a base xenética de enfermidades humanas mediante a tecnoloxía de edición xenética. Así mesmo o seu grupo participa en investigacións interdisciplinarias para o estudo da toxicidade e biodistribución de novos compostos que poidan xerar novos fármacos. Ao longo da súa dilatada traxectoria, ten sido EMBO Senior Fellowship no MRC Rosalind Franklin, Centro de Investigación Xenómica no Genome Campus, en Cambridge (Reino Unido), participando no primeiro proxecto de secuenciación do xenoma do peixe globo baixo a dirección do Premio Nobel Sydney Brenner e con Greg Elgar.

O CEBIOVET pretende xerar novas liñas de investigación no campo dos pequenos, medianos e grandes animais e impulsar a súa difusión dentro da comunidade científica. Para iso, pon a disposición do usuario o asesoramento para a realización de estudos, así coma o espazo físico e unha gran infraestrutura tecnolóxica. A súa función é asesorar e colaborar no deseño e realización de proxectos de investigación, docencia especializada de posgrao e outras actividades mediante o uso de animais vivos das especies canina, felina, ovina, caprina, porcina e bovina. Isto facilita a apertura de novas posibilidades de investigación para un crecente número de procedementos. Laura Sánchez Piñón sucede no cargo á catedrática da USC, Azucena Mora. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.10.2025.