Ir o contido principal

A nova Lei do Audiovisual, a análise na Facultade de Ciencias da Comunicación

O Grupo de Estudos Audiovisuais da USC organiza estas xornadas e colaboración coa Mesa Pola Normalización Lingüística
O Grupo de Estudos Audiovisuais da USC organiza estas xornadas e colaboración coa Mesa Pola Normalización Lingüística
Profesionais do sector audiovisual, representantes de entidades de defensa das linguas minorizadas da contorna estatal e persoal investigador en comunicación e políticas públicas únense o 15 de setembro nun encontro cara á lectura crítica deste texto normativo
Santiago de Compostela

O Grupo de investigación de Estudos Audiovisuais (GEA) da Universidade de Santiago de Compostela e a Mesa pola Normalización Lingüística colaboran na organización da xornada ‘Perante a nova Lei do Audiovisual: análise e perspectivas’, un encontro que se desenvolverá o xoves 15 de setembro en Compostela, no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación.

A xornada, cara á reflexión e lectura crítica do novo texto normativo publicado este xullo, congrega persoal investigador en materia de comunicación e políticas públicas, profesionais do audiovisual e representantes das entidades de defensa das linguas minorizadas da contorna estatal nun foro aberto á comunidade universitaria e á cidadanía, para o que non é preciso inscrición previa. O tratamento das distintas linguas oficiais na Lei, a consideración das producións independentes, o seu financiamento e o establecemento de cotas nas diferentes pantallas serán algúns dos tópicos sometidos a exame.

A coordinadora do GEA, Margarita Ledo Andión, abrirá ás 10.00 horas este foro cuxo programa completo está dispoñible en liña. Dende o ámbito académico,  o encontro contará tamén coas intervencións de Ramón Zallo, profesor de Comunicación Audiovisual da Universidade do País Vasco, e de Antía López Gómez e María Soliña Barreiro González, investigadoras e docentes da USC.  

Marcos Maceira Eiras, da Mesa pola Normalización Lingüística; Francesc Marco Palau, da Plataforma per la Llengua; e Paul Bilbao Sarria, de Kontseilua conversarán sobre o audiovisual como un sector estratéxico do punto de vista lingüístico, cultural e económico e debullarán os puntos nos que  a Lei non atende demandas feitas dende a contorna estatal para preservar a diversidade lingüística e cultural no eido audiovisual.  Entre elas, revisarán as reivindicacións realizadas pola sociedade galega a través de propostas como a Iniciativa Xabarín,  para garantir presenza de galego na programación infantil, ou a Iniciativa polo galego no audiovisual, que tentou impulsar modificacións na Lei Xeral de Comunicación Audiovisual, que contaron tamén coa participación do GEA.

As xornadas incluirán, ademais, unha mesa redonda arredor do estado xeral do audiovisual en Galicia que reunirá a Uxía Caride, da Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), Lidia Fraga, da Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG) e Iria Taibo, da Asociación Galega de Profesionais de Tradución e da Interpretación (AGPTI). 

Na liña de encontros anteriores promovidos polo GEA, a xornada ‘Perante a nova Lei do Audiovisual: análise e perspectivas’, sitúase na relación entre a formación e investigación universitarias, o ámbito profesional e o institucional, responsable das políticas públicas igualitarias e garantes da diversidade cultural e lingüística. As principais conclusións do encontro serán obxecto dunha publicación en galego e inglés e remitidas a institucións e entidades da contorna estatal e europea. A actividade conta con financiamento da Xunta de Galicia a través das axudas á consolidación e estruturación de grupos de investigación. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.09.2022.