Ir o contido principal

Leilía abre en Lugo o ciclo Lubicán cun concerto o 16 de febreiro

Leilía abre en Lugo o ciclo Lubicán cun concerto o 16 de febreiro
Leilía abre en Lugo o ciclo Lubicán cun concerto o 16 de febreiro
Lugo Cultural presentou a súa programación de actividades para os vindeiros meses

Música clásica e contemporánea de novos intérpretes e grupos galegos, jazz, vangardas musicais, teatro, danza e fotografía encherán a cidade de Lugo os vindeiros meses segundo a programación prevista por Lugo Cultural que hoxe presentaron na Vicerreitoría de Coordinación do Campus o vicerreitor Pedro García Herradón; o tenente alcalde e responsable das áreas de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Antón Bao; e o deputado da Área de Cultura e Turismo, Mario Outeiro. Nesa mesma presentación interveu Montse Rivera, compoñente de Leilía, que avanzou o concerto que a súa formación ofrecerá o xoves 16 de febreiro no Auditorio Gustavo Freire para presentar o seu último traballo, Consentimento, no marco do ciclo Lubicán 2012. A actuación, de entrada libre e gratuíta, será ás 20.30 horas. Lubicán Son xa cinco as edicións do ciclo Lubicán, que pretende achegar ao público lugués a música de grupos galegos con diferentes estilos e formacións á vez que apoiar e promover a novos grupos da provincia. Este ano o ciclo consta de seis concertos entre febreiro e novembro, comezando polo de Leilía a vindeira semana. En marzo tocaralle a quenda a Vaamonde, Lamas & Romero co seu álbum ‘Tambor de Prata’ e o mes seguinte será Talabarte quen actúe. En maio Lobalú presentará o seu traballo ‘Haikus’ e a eles seguiralle Cats and Monkeys xusto antes do verán. O ciclo rematará en novembro con Malvela interpretando os novos temas de ‘Raianas’. Todos os concertos serán ás 20.30 horas no Auditorio Gustavo Freire agás o de Talabarte na Casa do Saber. Músicas a carón da mosqueira A programación de Músicas a Carón da Mosqueira para este ano comprende dous ciclos, un de jazz e outro de música clásica organizado en colaboración coa Asociación de Intérpretes e Executantes no seu apartado ‘Clásicos en Ruta’ que selecciona novos intérpretes (solistas e grupos) de distintos instrumentos e procedencias para que realicen actuacións en distintas cidades. Este segundo ciclo consta de cinco concertos dos que xa se celebrou o primeiro (o 17 de xaneiro) e que continuarán a razón de un por mes dende o 14 de febreiro ata maio. A próxima semana o recital correrá da man do pianista Juan Andrés Barahona e en marzo do Cuarteto Gerhard. Os seguintes serán os de Inés Picado á viola acompañada por María Zisi ao piano e da violonchelista Cristina Nogueira. O ciclo de jazz, organizado en colaboración coa Sociedade de Artistas AIE, dará comezo o 27 de febreiro coa actuación de Celia Mur e Nono García presentando o seu álbum ‘Coplas mundanas’ e continuará o 12 de marzo con Carme Canela & Joan Monné. Abe Rábade Trío pechará os recitais o 23 de abril. Sons creativos Como unha aposta clara polas vangardas musicais, Lugo Cultural comezou hai uns anos co espazo de creación musical ‘Sons Creativos’ que este mes de maio chega á súa cuarta edición. En 2012 o programa dedícase a ‘Música e natureza’ e ao compositor José Luis Carles, recoñecido investigador en temas de percepción sonora, análise cualitativo do medio ambiente sonoro, interacción entre percepción visual e percepción sonora. Outras actividades A programación cultural complétase coa celebración do XVIII Festival de Teatro Universitario entre o 21 e o 27 de marzo, cunha das súas xornadas centrada na presentación de pequenos traballos de estudantes de arte dramática en escolas públicas luguesas. A décima edición do Encontro Universitario de Danza Contemporánea, a décimo oitava do Maratón Fotográfico do Campus ou o VIII Curso de Primavera son outras actividades previstas cuxos programas se irán coñecendo ao longo do ano.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.02.2012.