Ir o contido principal

Leilía presenta en Lugo este xoves o seu último traballo

Leilía presenta en Lugo este xoves o seu último traballo
Leilía presenta en Lugo este xoves o seu último traballo

‘ConSentimento’ é o título do último traballo de Leilía que este xoves 16 presentarán en Lugo nun concerto gratuíto no Auditorio Gustavo Freire ás 20.30 horas. Esta formación galega inaugura así a quinta edición do ciclo Lubicán que organiza Lugo Cultural e que contempla ata novembro outros cinco concertos. Leilía naceu en 1989 co propósito de dar a coñecer a música tradicional de Galicia ao son de pandeiretas e voces. O seu novo traballo, ‘ConSentimento’, é unha homenaxe a todas as mulleres que fixeron e fan realidade a creación, a conservación e a transmisión da tradición oral galega.

Neste quinto álbum contan coa colaboración do músico e arranxista compostelán Xoán Porto, do que resulta un traballo con vocación acústica no que a guitarra, o acordeón, o contrabaixo e a gaita abrigan á perfección o canto tradicional e os versos de varias das mellores poetas galegas da actualidade como Ana Romaní, Yolanda Castaño, Eva Moreda, Mariña Pérez, Eva Veiga, Ana Amado e Marilar Aleixandre.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.02.2012.