Ir o contido principal

Lembran en Filosofía a figura do histórico galeguista Xaime Isla Couto

O encontro desenvólvese esta semana na Facultade de Filoloxía (Foto: SERVIMAV-USC)
O encontro desenvólvese esta semana na Facultade de Filoloxía (Foto: SERVIMAV-USC)

A figura do histórico galeguista e intelectual Xaime Isla Couto (Santiago de Compostela, 1915- Vigo, 2012) é esta semana obxecto dun simposio que se desenvolve na Facultade de Filosofía en conmemoración do centenario do nacemento do académico, economista, avogado e catedrático de Universidade. O encontro inaugurouse este xoves nun acto no que interviñeron o reitor Juan Viaño, o secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e os presidentes das entidades organizadoras, a Sociedade Universitaria de Filosofía e a Fundación Isla Couto, Marcelino Agís e Manuel Meixide, respectivamente.

O programa abordará as múltiples facetas e compromisos vitais e intelectuais de Xaime Isla: o seu galeguismo político, cultural, social e relixioso e o seu pensamento humanista e renovador da economía.

Como lembrou o reitor na apertura, a Guerra Civil española marcou “un antes e un despois” na traxectoria formativa de Isla, “no seu desenvolvemento profesional, no seu pensamento político e na súa produción intelectual”. A pesar da fenda que supuxo a guerra, “moito do brillante avogado e economista, precursor dos estudos económicos sobre Galicia, foi froito da súa experiencia intelectual e sociolóxica anterior á contenda”.

Mais, advertiu Viaño, o Xaime Isla que agroma na posguerra encamiñándose cara á súa época de madurez “non é un home totalmente diferente daquel que se foi fraguando, entre Compostela e Vigo, desde os anos do instituto, os que supuxeron a súa introdución no activismo político galeguista da man do seu irmán Ramiro”.

Xaime Isla Couto
Foi fundador da Mocedade Galeguista de Vigo (1932), da Federación de Mocedades Galeguistas (1934) e da Unión Galega de Estudiantes (1936). Ao tempo, organizou os agrupamentos Ultreya en Vigo e foi alumno bolseiro do Seminario de Estudios Galegos xusto antes da guerra.

Tras unha tentativa fallida de fuxida a Portugal que rematou coa detención e encarceramento do seu irmán Ramiro en Verín, estivo acochado na escola da súa irmá Blanca en O Casal (O Porriño). Tralo chamamento a filas, incorporouse ao Exército Nacional no 11º Rexemento Lixeiro de Artillería de Pontevedra. Tras a Guerra Civil tivo a responsabilidade da secretaría técnica do Partido Galeguista na clandestinidade.

Isla impulsou e ideou a fundación da Editorial Galaxia en 1950, a editora SEPT no 1965 e o primeiro Partido Popular Galego (1976) que concorreu ás eleccións xerais do 1977. Dentro da súa militancia cristiá foi presidente da Comunidade de Vida Cristiá Nosa Señora da Guía-Santiago Apóstolo que fundara o Padre Seixas así como tamén da Comisión Diocesana de Xustiza e Paz de Tui-Vigo.

Fixo estudios de Maxisterio entre 1933 e 1936 (sendo depurado pola súa afiliación galeguista), que simultaneou cos de Dereito. Nos anos 60 estuda de Económicas e nos anos 90 Teoloxía.

Profesionalmente, Xaime Isla combinou a docencia universitaria co exercicio da avogacía. Foi catedrático de Dereito e Economía da Empresa na Escola de Peritos Industriais de Vigo, profesor no Colexio Universitario de Vigo e na Universidade de Santiago. Ademais, traballou como letrado asesor de Caixavigo, do grupo Zeltia, Corporación Noroeste e outras empresas e gremios económicos.

Fundador e director da Revista de Economía de Galicia (1958-1968), dirixiu tamén a Revista Galega de Estudios Agrarios (1979). Como resultado deste intenso compromiso persoal foi recoñecido co Memorial Joan XXIII (1986), coa Medalla Castelao (1987), o Premio Trasalba (1992) e a insignia de ouro da Universidade de Santiago de Compostela (2001), entre outros merecementos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.10.2016.