Ir o contido principal

O Lhica da USC participa na Rede Nacional de Micotoxinas e Fungos Toxixénicos e Procesos de Descontaminación

Investigadores que conforman a Rede Micofoof
Investigadores que conforman a Rede Micofoof

O Laboratorio de Hixiene, Inspección e Control de Alimentos (Lhica) da Facultade de Veterinaria da USC participa xunto con grupos de investigación doutras sete universidades españolas, así como do Instituto de Agroquímica e Tecnoloxía de Alimentos do CSIC na Rede Nacional de Micotoxinas e Fungos Toxixénicos e Procesos de Descontaminación (Micofood).

Esta rede de excelencia, coordinada por Jordi Mañes Viñuesa, profesor da Facultade de Farmacia da Universidade de Valencia e que vén de constituírse no marco do Programa Estatal de Fomento da Investigación Científica e Técnica de Excelencia-Accións de Dinamización, nace coa finalidade de coordinar o estudo da presenza de microorganismos produtores de microtoxinas en alimentos producidos en España. A avaliación do risco toxicolóxico derivado da inxestión destes alimentos e o deseño de propostas de tecnoloxía para a súa erradicación son outros dos cometidos da rede de excelencia Micofood, un consorcio de investigación que vén de celebrar a súa primeira reunión de traballo en Valencia, onde se planificaron xa algunhas das liñas de actuación a desenvolver durante os próximos dous anos, ademais da organización dun workshop, que previsiblemente se realizará ao longo do mes de xullo.

A rede Micofood, coordinada pola Universidade de Valencia, que tamén acubilla a súa sede, aglutina científicos e grupos de investigación da Facultade de Bioloxía de Valencia (Misericordia Jiménez Escamilla), da Escola Técnica Superior de Enxeñaría Agraria da Universidade de Lleida (Vicente Sanchís Almenar), da Facultade de Bioloxía da Universidade Complutense de Madrid (Covadonga Vázquez Estévez), da Facultade de Farmacia de Navarra (Adela López de Cerain), así como das facultades de Veterinaria da USC (Alberto Cepeda), Zaragoza (Agustín Ariño) e Estremadura (María del Mar Rodríguez), así como do CSIC (Luis González Candelas).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.03.2015.