Ir o contido principal

O Lhica da USC súmase este xoves ao Día Mundial da Diabetes con diversas actividades abertas á cidadanía

De esquerda a dereita, José Manuel Miranda, Carlos Franco, Beatriz Vázquez e Alberto Cepeda, no Lhica da USC
De esquerda a dereita, José Manuel Miranda, Carlos Franco, Beatriz Vázquez e Alberto Cepeda, no Lhica da USC
Investigadores do Campus lugués buscan voluntarios para un proxecto sobre obesidade e diabetes para estudar os biomarcadores que presdipoñen a esta enfermidade
Lugo

Investigadores do Laboratorio de Hixiene, Inspección e Control de Alimentos (Lhica) da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC súmanse este xoves 14 de novembro aos actos organizados polo Día Mundial da Diabetes coa celebración de diversas accións informativas que se desenvolverán no ‘punto solidario’ habilitado no Centro Comercial As Termas de Lugo, en horario de 10.00 a 21.00 horas.

O Lhica da USC, dirixido polo catedrático Alberto Cepeda Sáez, está a liderar desde España o proxecto de investigación internacional ‘Obesidade e Diabetes en Iberoamérica: factores de risco e novos biomarcadores patoxénicos e preditivos’, unha pescuda que recibe financiamento da CYTED do Ministerio de Ciencia Innovación e Universidades.

Os integrantes deste grupo de investigación con sede na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo aproveitarán a súa presenza no punto solidario instalado no centro comercial lugués para captar persoas de entre 45 e 70 anos de idade que presenten obesidade e/ou sobre peso e queiran participar de xeito voluntario neste proxecto de I+d+i sobre diabetes.

Daquela, ademais de ofrecer información sobre a diabetes, as persoas que se decidan a participar nesta pescuda, poderán someterse a un Test FridRisc, que permite predecir a posibilidade de desenvolver a diabetes nun prazo de 10 anos. Os voluntarios recibirán os resultados do test e unha chapa do proxecto. Asemade, os investigadores empregarán o equipo InBody cos posibles voluntarios do proxecto, unha tecnoloxía que proporciona datos de composición corporal auga/músculo/graxa cada usuario.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.12.2019.