O libro A arte rupestre no norte do Barbanza presentarase este mércores en Xeografía e Historia
O reitor Juan Casares presidirá este mércores 10 a presentación do libro A arte rupestre no norte do Barbanza na Sala de Profesores da Facultade de Xeografía e Historia a partir das 12.00 horas. Xunto ao reitor intervirán ademais o coordinador do libro, o profesor Ramón Fábregas; o coautor do libro Xoán Guitián; a representante de Andavira Editora, Lucila Ventoso; o decano da Facultade de Xeografía e Historia, Juan Monterroso; e a directora do Departamento de Historia I, Raquel Casal. A arte rupestre no Norte do Barbanza é unha obra impulsada polo Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste Ibérico da USC (GEPN) que propón un achegamento interdisciplinar aos petróglifos galegos. A vertente Norte da Península do Barbanza (A Coruña) era, ata hai dúas décadas, unha área na que os petróglifos eran practicamente descoñecidos, pero os traballos levados a cabo por persoas afeccionadas e equipos de arqueoloxía permitiron descubrir un gran número de estacións rupestres que destacan pola gran variedade das súas representacións. Na obra unen os seus esforzos un equipo de arqueólogos, edafólogos, historiadores da arte, restauradores e xeógrafos que entre 2002 e 2005 participaron no proxecto de investigación ‘ Ocupación do espazo e modificacións do entorno na Península do Barbanza durante a Prehistoria recente’ desenvolvido polo GEPN e centrado na análise do fenómeno rupestre do Norte da Península do Barbanza, en concreto nos límites administrativos do Concello de Porto do Son.