O libro de Roberto Blanco El laberinto territorial español, entre as mellores obras de non ficción editadas en 2014
De entre os libros publicados en 2014, os críticos de El Cultural inclúen no segundo posto da lista de obras de non ficción o volume El laberinto territorial español, do que é autor o catedrático de Dereito Constitucional da USC Roberto Blanco Valdés. Este título presenta unha reflexión sobre cómo entender nun país descentralizado como España as reivindicacións nacionalistas, mesmo en clave de desafío secesionista, ao tempo que analiza a novidade destas propostas. Ao longo de 472 páxinas, o docente da Facultade de Dereito compostelá pon en contacto a cuestión territorial con tres momentos decisivos da historia de España “nos que se intentou darlle unha solución que recoñecese a pluralidade do país sen poñer en entredito a súa unidade: as repúblicas de 1873 e 1931 e o período iniciado en 1978”. Segundo lle recolle na propia obra, a conclusión do traballo proposto por Blanco Valdés apunta que a “progresiva radicalización dos particularismos territoriais empurrou a España cara un complexo laberinto”. Ademais, esta situación “ten dificultado ata extremos imprevisibles o asentamento dun sistema descentralizado compatible coa unidade nacionais, á que ningún Estado pode renunciar”. En opinión dos autores da selección das mellores obras editadas en 2014 e como reseñou Rafael Núñez Florencio, a obra do catedrático da USC práctica “unha análise exhaustiva que xunta as dimensións política, histórica, xurídica e constitucional, tanto erudito como didáctico e que permite ao lector non especializado transitar polas súas páxinas sen perderse”. No listado, no que Roberto Blanco Valdés ascende ata o segundo posto, figuran títulos de Jordi García, Carmen Iglesias, Juan Francico Fuentes e Pilar Garí, Pedro J. Ramírez, Fernando Reinares, Francesc de Carreras, Javier Gomá, Santiago Muñoz Machado e Luis Garicano.
As reflexións do docente da Facultade de Dereito da USC xa ocuparan con anterioridade postos de honra entre a produción editorial de non ficción española no ano 2012, cando o seu libro Los rostros del federalismo fora elixida mellor obra en lingua española, na modalidade de ensaio, por El Cultural.