Ir o contido principal

A licenciatura de Medicina que remata este ano celebrou o seu acto académico

O multitudinario acto celebrouse no Palacio de Congresos (Foto: Santi Alvite)
O multitudinario acto celebrouse no Palacio de Congresos (Foto: Santi Alvite)

A promoción de Medicina da USC que se licencia este curso 2012-2013 celebrou no Palacio de Congresos un acto académico presidido polo reitor Juan Casares Long e no que tamén interviñeron o doutor José Luis Bello López, padriño da promoción; o decano da Facultade, Juan Gestal Otero; e o estudante Juan Espinosa Pereiro. A cerimonia contou coa presenza dun nutrido grupo de representantes do eido académico e sanitario. Asistiron, entre outros, o xerente do CHUS, Luis Verde Remeseiro; o comisionado para Ciencias da Saúde da USC, Manuel Macía; o presidente da Real Academia de Medicina de Galicia, José Carro; o presidente do Colexio Médico da Coruña, Luciano Vidán; os vicedecanos da Facultade Víctor Arce, José Carreira e Inmaculada Tomás; o secretario do centro, Luis Lima; e o presidente da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC, Ángel Álvarez. Na cerimonia, na que se deu lectura á Declaración de Xenebra, os futuros licenciados e licenciadas recibiron os seus respectivos diplomas acreditativos e o libro Un estudiante en Alabama y otros ensayos biográficos, de Sir William Osler (1849-1919), que por cuarto ano consecutivo lles entrega a Fundación Lilly para lembrarlles algúns dos aspectos máis relevantes do pensamento e a obra deste médico como son a ensinanza ao lado do paciente, a educación médica e a promoción da investigación, o coñecemento da historia e o humanismo e a importancia da medicina interna como disciplina integradora. O reitor da USC foi o encargado de presidir o acto de licenciatura (Foto: Santi Alvite)

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.04.2013.