Ir o contido principal

A loita dos brigadistas austríacos, retratada nunha mostra en Fonseca

Foto: Membros do Batallón 12 de febreiro, cerca de Batea, marzo/abril de 1938.
Foto: Membros do Batallón 12 de febreiro, cerca de Batea, marzo/abril de 1938.

"O ceo de España desprega as súas estrelas sobre as nosas trincheiras". Así comeza Die Thälmann-Kolonne, a canción dedicada á Centuria Thälmann na que loitaron os primeiros austríacos que viñeron a España ao pouco de estalar a Guerra Civil, e así tamén se titula a mostra que dende este xoves 14 e ata o 31 de outubro permanecerá no claustro alto do Colexio de Fonseca dando testemuña do labor das e dos voluntarios austríacos nas Brigadas Internacionais. Estes brigadistas participaran no Levantamento Austríaco do 12 de febreiro de 1934 e tiveran que fuxir primeiro do seu goberno fascista e despois do nacionalsocialismo. Todos eles defenderon a República Española nunha loita na que morreron 235 combatentes.

A exposición, preparada pola Fundación Pablo Iglesias en colaboración co Österreichischen Kulturforum, mostra o periplo vital das e dos brigadistas de orixe austríaca, como os lugares nos que loitaron, os seus labores no Servizo Sanitario, a súa saída de España en febreiro de 1939 e o seu paso polos campos de internamento franceses, a súa estadía nos campos de concentración alemáns, a súa participación na resistencia antifascista e as súas vidas unha vez finalizada a Segunda Guerra Mundial.

A exposición basease fundamentalmente no material que recolleron os propios brigadistas austríacos tras a volta ao seu país, que foi ordenado, corrixido e ampliado por Hans Landauer e que hoxe pode consultarse no Arquivo de documentación da resistencia austriaca, en Viena.

Comisariada polo investigador e profesor da Universidade de Alcalá Georg Pichler, a mostra inaugurarase este xoves ás 20.00 horas nun acto no que participarán ademais a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez; a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois; e representantes do grupo de Investigación LitLinAl, que tamén colabora nesta montaxe.

Retratos de brigadistas con Erich Hackl
Previo ao acto inaugural, ás 19.00 horas, o recoñecido escritor austríaco Erich Hackl fará unha lectura das súas obras máis recentes. Así, presentará o retrato literario de Hans Landauer, titulado ‘Stille Post für Spanien’, publicado no libro In fester Umarmung (1996).

Hackl, autor de varias obras sobre os voluntarios austríacos das Brigadas Internacionais, publicou conxuntamente con Hans Landauer o Léxico dos brigadistas austríacos en España 1936-1939. Na súas obras A boda de Auschwitz (2002) e Boceto dun amor a primeira vista (1999) relata dúas historias de amor. Na primeira trata a historia de Rudi Friemel, un brigadista austríaco que durante a súa estadía en España coñece á española Margarita Ferrer, coa que iniciou unha relación que finalmente -en medio de circunstancias imposibeis- rematou nunha boda celebrada no campo de concentración de Auschwitz. En Boceto dun amor a primeira vista relata a historia de amor entre o brigadista austríaco Karl Sequens e a española Herminia Roudière Perpiñá, que tamén termina tráxicamente.

‘O ceo de España. Os Voluntarios Austríacos nas Brigadas Internacionais’ permanecerá aberta de luns a venres (festivos pechado) de 9:00 a 21:00 horas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.09.2017.