Ir o contido principal

O LREC identifica os clons de ‘E. coli’ causantes de infeccións urinarias graves e propón un sinxelo protocolo de vixilancia

Hajer Ziadi, Carla Polo e Azucena Mora, nun laboratorio de Microbioloxía da Facultade de Veterinaria
Hajer Ziadi, Carla Polo e Azucena Mora, nun laboratorio de Microbioloxía da Facultade de Veterinaria
Os grupos clonais pandémicos de ‘E. coli’ B2-CC131 e B2-ST1193 provocan a metade das infeccións de tracto urinario multirresistentes, segundo publica en ‘Frontiers in Cellular and Infection Microbiology’ o equipo do Campus Terra da USC liderado por Azucena Mora. O estudo busca axilizar a vixilancia etiolóxica hospitalaria e comunitaria destas doenzas, ademais de facilitar o deseño de vacinas para erradicar a diseminación destes clons de alto risco resistentes ás fluoroquinolonas
Lugo

Investigadores do Laboratorio Nacional de Referencia de Escherichia coli (LREC) da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC identifican as principais cepas responsables das infeccións graves de tracto urinario, e achegan protocolos de laboratorio que simplifican a súa detección e vixilancia en centros hospitalarios. Ao mesmo tempo, a caracterización destes clons favorece o desenvolvemento de vacinas eficaces para frear a súa diseminación ou, no seu caso, mitigar o impacto que estes clones bacterianos resistentes ás fluoroquinolonas teñen na saúde humana.

A revista internacional especializada en Microbioloxía Clínica ‘Frontiers in Cellular and Infection Microbiology’ dá conta dos resultados das pescudas desenvolvidas polo equipo da USC liderado pola catedrática Azucena Mora no artigo “Fluoroquinolone resistance in complicated urinary tract infections” unha publicacion científica da que tamén son autores Isidro García-Meniño, Vanesa García, Pilar Lumbreras-Iglesias e Javier Fernández.

Nesta publicación, na que se detallan os principais clones de ‘E. coli’ responsables de infeccións do tracto urinario que xa non responden ao tratamento con antibióticos, constata algunhas das conclusións xa recollidas no último informe elaborado pola Sociedade Española de Microbioloxía Clínica e Enfermidades Infecciosas ‘SEIMC-BMR 2023’.

Este traballo, no que se analizan os datos obtidos nun estudo multicéntrico hospitalario de España realizado en 2023, revela que as chamadas ‘superbacterias’ provocan máis de 20.000 mortes cada ano no noso país, o que implica un número de falecidos 20 veces superior aos orixinados en accidentes de tráfico. A ‘E. coli’ produtora de betalactamasas de espectro estendido (BLEE), e as infeccións urinarias constitúen os axentes etiolóxicos e as patoloxías máis frecuentes desde o punto de vista clínico, respectivamente, neste rexistro de infeccións por bacterias multirresistentes en España, no que xa se apunta cara a desenlaces fatídicos en moitos casos.

A información obtida polo persoal investigador do LREC da USC nas súas pescudas conclúe que os clons pandémicos de alto risco de E. coli, CC131 e ST1193, representan un reto para o tratamento das infeccións de tracto urinario complicadas nos nosos hospitais, xa que o 52% das cepas resistentes a fluoroquinolonas pertencen a estes clons. As medidas para erradicar estes clons, como o deseño de vacinas contra eles, xunto coa vixilancia doutros emerxentes, son esenciais para os programas de optimización do uso de antibióticos. Daquela, baseándose nos seus resultados de caracterización xenómica, os investigadores que participan como autores deste artigo suxiren un protocolo de monitorización no laboratorio coas pecualiridades chave destes clons.

Comparativa internacional

O Laboratorio de Referencia de ‘E. coli’ impulsa agora unha réplica do estudo español sobre bacterias multirresistentes na poboación de Alxeria, un cometido no que xa comezou a traballar a investigadora procedente deste país do Magreb Hajer Ziadi, que, ao abeiro do programa Erasmus+KA107, está a completar unha estadía científica na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC.

As primeiras pescudas, cuxos resultados Hajer Ziadi contempla incluír na tese de doutoramento na que traballa baixo a dirección da profesora Azucena Mora, céntranse na caracterización de ‘E. coli’ e ‘K. Pneumoniae’ responsables de infeccións extraintestinais, principalmente urinarias, entre a poboación da área sanitaria alxeriana de Tébessa, e que presentan uns niveis de resistencia aos antibióticos incluso superior ás xa estudadas en Europa.

Cómpre lembrar neste senso que a resistencia aos antibióticos é hoxe una das maiores ameazas para a saúde mundial, a seguridade alimentaria e o desenvolvemento, e que bacterias como ‘E. coli’ e ‘K. Pneumoniae’ produtoras de betalactamasas de espectro estendido ou carbapenemasas figuran como dianas sinaladas pola Organización Mundial da Saúde (OMS) de prioridade crítica, fronte ás que se precisan novos tratamentos antibióticos. Esta nova liña de investigación, que está financiada polo propio LREC, traducirase nunha nova publicación que contribuirá a ampliar o coñecemento deste tipo de ‘superbacterias’ en distintas localizacións e entre diferentes poboacións, que requiren do apoio de países cun sistema sanitario e de investigación máis desenvolvido .

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.03.2024.