O LREC da USC recibe o II Premio do Plan de Resistencia a Antibióticos por un artigo con outras centros de investigación
Investigadores do Laboratorio de Referencia de ‘E. coli’ da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC veñen de recibir o II Premio do Plan Nacional de Resistencia a Antibióticos á mellor publicación científica por un traballo elaborado conxuntamente co Hospital Universitario Central de Asturias (Huca) e publicado na revista do Scientific Report, do grupo Nature, baixo o título ‘Whole genome sequencing, molecular typing and in vivo virulence of OXA-48-producing Escherichia coli isolates including ST131 H30-Rx, H22 and H41 subclones’.
A profesora na Facultade de Veterinaria da USC e investigadora do Laboratorio de Referencia de ‘ E. coli’ Azucena Mora Gutiérrez, que participa da autoría deste traballo galardoado co II Premio do PRAN xunto co catedrático da USC e director do LREC, Jorge Blanco Álvarez, o doutor Javier Fernández, do Servizo de Microbioloxía do Hospital Universitario Central de Asturias (HUCA), e a doutora María de Toro, da Plataforma de Xenómica e Bioinformática do CIBIR da Rioxa, entre outros autores, participou na gala de entrega deste premio. A cerimonia, promovida a iniciativa da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (Aemps) en colaboración co Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), desenvolveuse este mes na sede madrileña do Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social co gallo da celebración do Día Europeo para o Uso Prudente dos Antibióticos.
A concesión deste galardón supón un recoñecemento máis do labor que vén desenvolvendo a USC xunto con outras institucións españolas e europeas desde a perspectiva One-Health (unha saúde) para dar unha solución á problemática da resistencia a antibióticos, unha das principais ameazas para a saúde mundial, segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS).
De feito, a publicación distinguida co II Premio do PRAN compila o traballo de carácter multidisciplinar no que participaron diversas institucións sanitarias e universitarias (Universidade de Oviedo, Universidade de Santiago de Compostela, Universidade de Cantabria-CSIC, entre outras). Unha das achegas máis novas desta achega responde a que se trata do primeiro traballo no que se analizan as secuencias xenómicas completas de cepas de E. coli produtoras de carbapenemasas de tipo OXA-48 de grupos clonais de risco (ST131, ST58 e ST83) procedentes de infeccións humanas. Este tipo de cepas e encimas (OXA-48) constitúen unha ameaza emerxente e os investigadores do LREC da USC foron os encargados de realizar a caracterización molecular convencional das cepas e os ensaios de virulencia in vivo en modelo murino.
Unha das achegas máis novas desta publicación responde a que se trata do primeiro traballo no que se analizan as secuencias xenómicas completas de cepas de E. coli produtoras de carbapenemasas de tipo OXA-48 de grupos clonais de risco (ST131, ST58 e ST83) procedentes de infeccións humanas. Este tipo de cepas e encimas (OXA-48) constitúen unha ameaza emerxente e os investigadores do LREC da USC foron os encargados de realizar a caracterización molecular convencional das cepas e os ensaios de virulencia in vivo en modelo murino.
Logo de recoller o galardón, o doutor Javier Hernández salientou, alén das achegas científicas compiladas na publicación “a importancia do traballo en equipo, e do enfoque multidisciplinar (biólogos, veterinarios, químicos, farmacéuticos) e intercultural (galegos, rioxanos, cántabros asturianos) fronte á individualidade, a orientación unidisciplinar e a endogamia científica”.
Este facultativo médico do Servizo de Microbioloxía do Hospital Universitario Central de Asturias agradeceu a concesión do galardón a un traballo feito por investigadores de “comunidades periféricas”, ao tempo que reivindicou as “excelentes pescudas e a gran contribución científica que achegan estas provincias nos eidos das ciencias e das letras”.
O Plan Nacional de Resistencia a Antibióticos (PRAN) da Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios (AEMPS) é un programa estratéxico e de acción cuxo obxectivo é reducir o risco de selección e diseminación de resistencia aos antibióticos, a fin de mitigar o impacto deste problema sobre a saúde das persoas e os animais, preservando de maneira sustentable a eficacia dos antibióticos existentes.