Ir o contido principal

Os lugares do saber na Atenas democrática, obxecto de análise na USC

Os lugares do saber na Atenas democrática
O foro desenvólvese no CEA
Baixo a organización de Marco V. García Quintela do grupo SÍNCRISIS da USC, este foro pretende estudar historicamente a vida intelectual ateniense tomando como fío condutor as formas en que se manifesta na topografía urbana
Santiago de Compostela

Máis dunha vintena de especialistas procedentes de cinco países —Arxentina, Estados Unidos, Francia, Italia e España— danse cita dende este martes ata o xoves 4 de novembro no congreso internacional en liña ‘Os lugares do saber na Atenas democrática’. Baixo a organización de Marco V. García Quintela do grupo SÍNCRISIS da USC, este foro que se está a desenvolver no Centro de Estudos Avanzados, pretende estudar historicamente a vida intelectual ateniense tomando como fío condutor as formas en que se manifesta na topografía urbana e en relación coa posición social e institucional dos promotores e usuarios deses saberes.

“Trátase de estudar a filosofía, o teatro, ou a retórica, como expresións da vida social dos habitantes de Atenas”, explican dende a organización do Congreso no que tamén toman parte as universidades de Puerto Rico - Recinto de Río Piedras, así como as de Franche (Comté, Francia) e de Reims Champagne (Ardenne, Francia). Esta proposta baséase en achegas teóricas sobre o singular carácter epistemolóxico do espazo.

As reflexións ramifícanse cara á antropoloxía e a arqueoloxía da paisaxe. “Estes traballos subliñan a necesidade de comprender a heteroxeneidade dos lugares dado que as sociedades que os habitan concédenlles valores e sentidos que promoven, consenten, toleran ou prohiben accións segundo as súas características, os seus tempos, os grupos sociais implicados e os momentos da vida colectiva”, explican dende a organización do foro que é o resultado de dous proxectos de investigación que contan co apoio do Axencia Estatal de Investigación e da Fundación BBVA.

SÍNCRISIS. Investigación en Formas Culturais é un grupo de investigación da USC dedicado á xeración de coñecemento histórico, histórico-artístico ou filolóxico e á implementación de ideas, técnicas ou modelos de investigación sobre o patrimonio histórico e cultural.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.11.2021.