Ir o contido principal

Lugo dá a benvida ao estudantado do Campus cunha semana de intensa actividade cultural

Lugo dá a benvida ao estudantado do Campus cunha semana de intensa actividade cultural
Lugo dá a benvida ao estudantado do Campus cunha semana de intensa actividade cultural

Por quinto ano consecutivo Lugo Cultural daralle a benvida a vindeira semana ao estudantado que este curso se achega ao Campus cunha serie de iniciativas, todas de entrada libre, que supoñen o inicio dunha axenda de actividades de diversa índole que encherán de vida a cidade amurallada. A Semana de Benvida prolóngase dende o luns 24 ata o xoves 27 conxugando accións expositivas, musicais, teatrais, de danza e históricas. Así, o luns ás 12.00 horas no Centro Social Municipal Uxío Novoneyra presentarase o catálogo do XVII Maratón Fotográfico do campus e inaugurarase a exposición dos traballos presentados nesta edición. A mostra permanecerá aberta ata o día 18 de novembro de luns a venres de 16.00 a 21.00 horas. O programa da Semana de Benvida presentárono este xoves o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; o tenente alcalde e responsable das áreas de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Antón Bao Abelleira; o deputado provincial da Área de Cultura e Turismo, Mario Outeiro Iglesias; a xefe do Servizo de Turismo en Lugo, Paloma Vázquez Fernández; e Sinesio Pérez Rodríguez, de NovaCaixaGalicia. Música As actividades musicais darán comezo o martes 25 cun concerto da banda Doa, que presentará o seu novo disco A Fronda dos Cervos no que explora o simbolismo dos bosques milenarios demostrando, unha vez máis, a súa mestría e orixinalidade. Será na Escola Universitaria de Formación do Profesorado ás 20.30 horas. Xa o mércores terá lugar un concerto comentado de música barroca con instrumentos de corda pulsada a cargo de Rafael Muñoz. O interprete realizará comentarios acerca dos instrumentos empregados e o repertorio interpretado, situándoos no seu contexto histórico e explicando a súa proxección actual. Na Casa do Saber ás 20.30 horas. Por último, o xoves actuará ás 20.30 horas no Auditorio da Facultade de Veterinaria Jotinho’s, un proxecto que nace da man de varios músicos de Lugo coa intención de explorar as vertentes máis clásicas da bossa nova, nomeadamente de Vinícius de Moraes e Toquinho. Para facilitar a asistencia haberá un autobús dende Maxisterio ata Veterinaria con saída ás 20.00 horas, que volverá ao finalizar o concerto. Danza O Espazo de Danza da USC, con sede en Lugo, participa tamén nesta semana cultural organizando distintas intervencións da Compañía Amparo Novas nos centros universitarios do campus. Danza interactivaexplora diferentes espazos da universidade tentando cambiar a rutina diaria. Mediante a intuición e a improvisación créanse espazos diferentes aos que acostumamos, onde a sensibilidade toma protagonismo e a danza consegue traspasar fronteiras. Amparo Novas actuará o luns no vestíbulo da Escola Universitaria de Formación de Profesorado ás 11.45, na vidreira da Facultade de Veterinaria ás 14.30 e no aulario da Facultade de Administración e Dirección de Empresas ás 17.30 horas. O martes as intervencións serán ás 12.00 en Humanidades, ás 14.30 na EPS e ás 20.30 na Residencia Universitaria Jesús Bal y Gay. Teatro A Aula de Teatro do Campus de Lugo intervén no programa cunhas clases abertas de teatro a cargo de Paloma Lugilde e Alberte Cabarcos, que mostrarán os diferentes talleres que se ofrecen na USC ao longo do ano así como a dinámica das compañías propias da Universidade. Serán no aulario de Veterinaria o mércores ás 13.00 e o xoves ás 14.00 horas. Ademais, do 27 de outubro ata o 30 de novembro a mesma facultade acollerá a exposición A fotografía e a escena, que recolle instantes dos actores, escenógrafos, xastres, deseñadores, iluminadores, adaptadores, maquilladores, dramaturgos e directores que nalgún momento formaron parte da Aula. Historia e patrimonio Por último, e co obxecto de pór en valor o patrimonio da USC no Campus lugués, o xoves 27 celebrarase unha xornada de portas abertas na Casa do Saber con Celso Rodríguez Cao, arqueólogo director das escavacións do xacemento arqueolóxico, que axudará a comprender e coñecer a historia da cidade de Lugo a partir de Mitra. Serán visitas guiadas dunha hora de duración en catro quendas (12.00, 13.00, 18.00 e 19.00 horas), cada unha limitada a un máximo de 25 persoas polo que se recomenda facer reserva de hora nos teléfonos 982 821 513 ou 982 821 500

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.10.2011.